Cando os xornalistas musicais din que aquí escasea o pop delicatessen, realmente están pensando que fan falla máis artistas como Antonio Galvañ. Agochado dende hai máis dunha década como Parade, as súas cancións son un exemplo de exercicio esteticista e fondura emocional. Un músico que, como o recentemente reaparecido Paddy McAloon (Prefab Sprout), fixo un mundo imaxinario a súa medida para ter unha vida mellor.
Esa postura tan mallada polos artistas alternativos, no seu caso levouno a soar atemporal e moito máis dixerible que calqueira dos heroes do indie español. O chamativo é que as súa cancións non esquivan a crueza e poden xogar en tres minutos de duración coa tenrura, a tristeza e a ilusión, todo mesturado.
Dá o mesmo que falemos do seu primeiro traballo homónimo ou deste que estrea, La fortaleza de la soledad. En todos se repite unha serie de puntos de referencia, a ciencia ficción, os cómics, un verniz de inocencia e, o máis importante, un orixinal modo de compoñer. Parade fala de sentimentos inventando historias ou collendo personaxes, como neste disco ese “Don Ricardo Gil Muñoz natural de Pontevedra” (‘Rainbows Avenue’) ou Stephen Hawking (‘Stephen Hawking’).
Nada de abstracción e cripticismo, letras para todos os públicos; pero tamén coa súa complexidade narrativa. La fortaleza de la soledad é un disco con outro disco dentro: atención a esas sete partes de ‘Rainbows Avenue’. Como sempre, brillante e fermoso. A ver se desta deixa de ser un artista para minorías.

