No Madrid dos primeiros anos 30, a pintora Maruja Mallo gustaba de xogar a escandalizar, a envolverse no misterio e a deixarse admirar por entendidos e intelectuais, pero non por iso deixou de ser unha sólida estudiosa da teoría da arte, unha mente progresista sen medo a comprometerse politicamente, e unha galega que prefería venderse como “celta e do mundo”.
A figura desta muller, que naceu como Ana María Gómez González en Viveiro (Lugo), en 1902, e converteuse por dereito propio en Maruja Mallo, foi a miúdo maltratada, frivolizada e esquecida, “porque tivo tantas facetas, fixo tanto, que resulta difícil facerlle xustiza”, di Carlos Nuevo Cal, profesor de Historia e coautor xunto a Emilio Ínsua da máis recente biografía sobre a artista, Maruja Mallo. De prometedora figura a artista universal, que gañou este ano o Premio Ánxel Fole, do diario El Progreso e Caixa Galicia, e que será editada a comezos do ano que vén, e que corrixe erros e malas interpretacións moi correntes nas anteriores.
“Nunca estivo en Tui, nin en Verín, como di ás veces. Quen pasou por alí foi seu pai, que era funcionario de aduanas, pero ela pasou a súa infancia en Corcubión, cuns tíos, mentres el cambiaba de destino para gañar ascensos”, explica Emilio Ínsua. Tampouco tivo problemas para cruzar a fronteira durante a Guerra Civil, “estivo uns meses medio agochada en Vigo, coa familia, e pasou a Portugal tranquilamente pola aduana. E, dende logo, non foi recibida por Gabriela Mistral, aínda que o digan moitos biógrafos. Pode que quedasen para tomar un café, antes de que collese o barco para Arxentina, pero non houbo pompa e cerimonia ningunha”, asegura Carlos Nuevo Cal.
Os mitos e os tópicos pesan moito na figura dunha muller que era moi celosa da súa vida privada, que non daba nunca o seu nome real e adoitaba quitarse anos. A súa obra, non moi numerosa e si moi dispersa, tampouco axuda a rastrexala, nin o feito de que parte da documentación sobre ela quedase destruída durante os bombardeos de Madrid na Guerra Civil. Polo tanto, a súa relación coa Xeración do 27, os testemuños alleos, son a tinta coa que adoitaron pintarlle retratos biográficos.
“Ás veces, fálase máis dos seus amoríos con Rafael Alberti ou con Miguel Hernández, ou das súas leas con Buñuel, que da súa obra”, di Nuevo, a pesar da súa contribución ao mundo da pintura, sempre orixinal e cambiante, e habitualmente xenial, como se pode comprobar na exposición que Caixa Galicia lle dedica na súa sede en Vigo, talvez a maior retrospectiva nunca realizada sobre a artista. Porén, a frívola artista rouboulle moito protagonismo á pintora seria e metódica, cando en realidade non era máis que a forma na que Maruja Mallo combatía “os entornos vedados que a sociedade lle impoñía”, segundo explica Emilio Ínsua.
‘SINSOMBREIRISMO’
Hai unha anécdota que a retrata. Un día, a comezos dos anos 30, Maruja Mallo paseaba por Madrid coa súa amiga C oncha Méndez, unha das poetas máis inxustamente esquecidas da Xeración do 27. Ao pasar por unha Gran Vía ateigada de xente, decidiron guindar os seus chapeus ao chan, e riron moito mentres os paseantes máis solemnes as increpaban. Semella unha extravagancia xuvenil, pero en realidade eran unha forma rabuda de protestar porque as normas da boa sociedade ditaban que as señoritas de boa familia tiñan que levar a cabeza cuberta en todo momento, xa que o pelo solto causaba un pudor similar ao que hoxe empregan os musulmáns para xustificar o veo. Pero a moitas mozas das que naceron co século XX non lles gustaba esta imposición, o que deu lugar a un movemento chamado comicamente “sinsombreirismo”.
“Este detalle amosa como foi tomando conciencia de clase, desaburguesándose, naquel mundo tan rico intelectualmente que foron os anos da II República”, afirma Carlos Nuevo, mentres que Emilio Ínsua engade que “foi a influencia de Maruja o que fixo que Concha Méndez se convertese no que hoxe chamaríamos unha muller liberada, algo que Luis Buñuel, que era o mozo de Concha, nunca lle perdoou”.
Porén, máis aló desta chamativa faciana social, Maruja Mallo era unha pintora concienciuda e metódica, ou como di o seu biógrafo, “aínda que a súa vida tivo algún toque surrealista, a súa obra non é froito da inspiración, senón do traballo e do estudo”. Destruíu moitos máis cadros dos que vendeu, xa que era unha implacable autocorrectora, o que explica que non se conte entre as máis prolíficas.
“Se lles aplicamos raios X aos seus cadros, podemos ver que por baixo da súa aparencia sinxela hai un intenso traballo de escuadra e cartabón, que todo está calculado ao milímetro”, continúa Carlos Nuevo. Esta exactitude matemática é froito das súa aprendizaxe co pintor uruguaio Joaquín Torres García, co que tivo unha intensa relación mestre-alumna durante os anos 30 en Madrid. Torres era un artista, pero tamén un teórico da arte, fundador do universalismo construtivo que intentaba buscar unha linguaxe artística común a todas as culturas humanas.
No seu libro, Nuevo e Ínsua comentan que “habitualmente non se relaciona a Maruja Mallo con Torres García porque o resultado visual do seu traballo é moi distinto, aínda que os dous se guíen por idénticos principios teóricos”.
A artista galega comezou a estudar pintura e a recibir os primeiros eloxios en Avilés (Asturias). Con vinte anos trasládase a Madrid para matricularse en Belas Artes na Academia de San Fernando, grazas a unha bolsa da Deputación de Lugo, e alí coincidiu con Salvador Dalí, con quen mantivo unha intensa relación de amizade.
Naquel Madrid de “tertulias de café, pequenas editoriais e revistas efémeras”, en palabra de Emilio Ínsua, logrou ser colaboradora da Revista de Occidente de José Ortega y Gasset, grazas ao que puido facer a súa primeira exposición individual. Foi en 1928, con cadros como o Elementos para el deporte que se sitúa xunto a estas liñas, e foi un éxito moi notable. Alí comezou tamén a mentir sobre a súa idade, xa que tiña case 26 anos e declarou ter 19. “O seu físico miúdo axudáballe a manter a mentira, que tiña algo de fachenda feminina, pero que sobre todo era para dotarse dunha aura de nena prodixio que lle axudase a vender a súa obra”, argumenta Carlos Nuevo.
Con outra bolsa, esta vez da Junta de Ampliación de Estudios de Madrid, viaxou a París en 1931, onde tomou contacto co surrealismo. Seguindo o manifesto de André Bretón realizou unha serie titulada Cloacas e campanarios, que chegou a ser exposta na capital francesa. Só un pintor español conseguira iso antes, Pablo Picasso.
COMPROMISO POLÍTICO
Regresou a España un ano despois, xa proclamada a República, e en 1933 gañou unha praza de profesora de debuxo no instituto de Arévalo (Ávila), aínda que nunca chegou a ser catedrática, outro erro habitual nas biografías de Maruja Mallo, segundo sinala Carlos Nuevo. O seu progresismo, sempre declarado, cristalizou daquela en verdadeira militancia política.
“Non temos documentación clara, pero é moi probable que participase nas Misións Pedagóxicas republicanas, que buscaban combater o analfabetismo nas aldeas de España”, comenta Nuevo. Maruja Mallo viaxou moito por España nese tempo e viuse en Beluso, parroquia de Bueu (Pontevedra) no verán de 1936. Foi acompañada por Alberto Fernández Mezquita, sindicalista ourensán afiliado ao POUM de Andreu Nin, e participaron en varios mítines de caracter trostkista. Nesas andaban cando tivo lugar o golpe de estado.
Porén, non era a única visita de Maruja Mallo a Galicia, xa que adoitaba viaxar todos os anos para ver os seus parentes en Vigo e Corcubión, mantendo unha relación coa súa terra que nunca recoñeceu explicitamente. Carlos Nuevo argumenta, ademais, que nesa estancia en Beluso no 36, atopou a inspiración para moitos dos seus cadros baseados no mar e no traballo relacionado con el, aínda que non afloraron ata algúns anos despois. “Ela era de madurar lentamente a obra, así conseguía que os seus constantes cambios de estilo fosen sempre propios e orixinais”, engade Emilio Ínsua.
A súa terra marcou, xa que logo, o seu traballo. Pero se a pintora era reacia a recoñecer as súas orixes era, segundo os seus biógrafos, porque era moi celosa da súa vida privada e porque “non quería quedar marcada como a rapaza de provincias que marcha á capital para triunfar”, así que aproveitaba a orixe madrileña de seu pai para dicir que ela tamén nacera en Madrid.
O seu gusto polo universalismo inspirado por Torres, e a obsesión con crear unha obra que puidese ser entendida por calquera cultura, tamén a levaron despois, xa de volta en España tras o exilio arxentino, a declararse sistemáticamente cidadá do mundo. “Non é que fose antinacionalista, senón que non lle gustaba limitarse, nin o rexionalismo mal entendido, o de charanga e pandeireta, no que o folclore se opón ao progreso”, declara Carlos Nuevo.
Durante o seu exilio vendeulle cadros á cúpula do peronismo, coñeceu a Andy Warhol, colaborou en revistas de moda femininas e forxouse un sólido nome, hoxe eclipsado pola súa estravagancia. “Pero máis estravagante era Dalí, aínda que el non ten problemas, porque non era muller”, di Nuevo.

