pA proposta de Om é tan engaiolante como limitada. O proxecto de Al Cisneros, ao que agora acompaña na batería Emil Amos (Grails), desenvolve a súa música tomando como punto de partida os riffs monolíticos de Black Sabbath e os ritmos reptantes, co minimalismo como máxima. Como novidade, eles levaron eses elementos ao formato baixo-batería. Un son de forte poder hipnótico e moi denso que ao ser tan ríxido a nivel expresivo ten poucos camiños para seguir evolucionando. Pero God Is Good, o seu cuarto traballo, sorprende porque mostra un movemento creativo. Baixa un chisco a intensidade do enorme Pilgrimage (2007) para poñer o aceno no misticismo e a estética oriental, na liña do single ‘Gebel Barkal’ que publicaron o ano pasado. De feito, o máis atinado é que por fin conseguen traducir a súa obsesión pola cultura antiga das portadas ou as letras a un son. Esta viraxe ten moito que ver co estilo tocando a percusión de Amos, con moitos máis matices, nervio e máis aberto de ideas que o seu predecesor, Chris Haikus.Carlos Barreiro
