Na marcha que partirá ás 12 da mañá da Alameda da capital de Galicia estarán representadas numerosas organizacións políticas e sindicais. Ademais de PSOE e BNG, forzas políticas como Terra Galega e Esquerda Unida animan tamén a participar nunha manifestación que será secundada tamén polas centrais sindicais CIG, CC.OO, UGT, Sindicato Labrego Galego E STEG. Do mesmo xeito, diversos persoeiros do mundo da política e a cultura, xa sexa como membros de ‘Queremos Galego’ ou como integrantes doutras plataformas en defensa da lingua, participarán activamente na mobilización. É o caso de, por exemplo, o galeguista histórico Avelino Pousa Antelo –que intervirá no remate da marcha–, o músico e escritor Xurxo Souto, literatos como Bernardino Graña, Manuel Lourenzo ou Manuel Rivas, destacados membros da escena musical galega, como a gaiteira Susana Seivane, ou representantes do mundo do cinema, como Margarita Ledo e Carlos Blanco.
