As formacións políticas da oposición, tanto PSdeG como BNG, pediron onte ao presidente da Xunta que “recapacite” e escoite o “clamor popular” expresado polos participantes na manifestación de Queremos Galego celebrada o domingo en Santiago, que congregou a máis de 50.000 persoas.
Os voceiros parlamentarios de ambos grupos, Xaquín Fernández Leiceaga e Carlos Aymerich, coincidiron en que a Xunta debe “revisar” a súa política lingüística. “Milleiros de galegos enviaron un recado a Feijóo e o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez: que recollan e que se marchen”, sinalou o deputado nacionalista Aymerich. O socialista Leiceaga tamén amosou a súa satisfacción pola alta participación. Así mesmo, o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, recordou ao presidente que “rectificar é de sabios” e pediulle que reflexione tras a “histórica” marcha.
Pola súa banda, o voceiro parlamentario do PPdeG, Manuel Ruíz Rivas, expresou o seu “respecto” polos manifestantes, pero insistiu en que o “único” que fixo o actual Goberno é “escoitar” para “recuperar o consenso” en materia idiómatica, en referencia á enquisa sobre o galego na ensinanza.
Mentres, a Mesa pola Normalización Lingüística, cualificou onte de “propaganda falaz e barata” as declaracións de Feijóo nas que afirma que “defende un ensino trilingüe”. O presidente do colectivo, Carlos Callón, considera que “todas as medidas adoptadas ou anunciadas polo presidente da Xunta van xusto no camiño contrario”.
