O novo director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), o portugués Miguel Von Haffe, apostará durante a súa xestión por "difundir" a "importantísima" colección propia do centro e por "traballar nas relacións con Latinoamérica" e na "identidade atlántica" do museo.
Así o explicou hoxe Von Haffe durante a súa presentación oficial como novo director da entidade, onde aclarou que non pretende "cambiar a identidade" do CGAC, senón que traballará para a potenciación da súa "identidade atlántica" a través das relacións e "intercambios" con Latinoamérica, algo "importante a nivel simbólico" pola emigración.
Así mesmo, recordou que o CGAC posúe unha "importantísima colección" propia, polo que apostou por traballar "moito" con ela e na súa "difusión", a través de actividades no exterior e na propia páxina web do centro.
Neste sentido, e en relación coa súa programación, Von Haffe asegurou que tratará "moito co contexto local e co contexto internacional", así como "na intervención no espazo histórico". "Imos intentar facelo máis e mellor", sentenciou.
LOCALIZACIÓN DO CENTRO EN GALICIA
Noutra orde de cousas, Von Haffe afirmou que a importancia do centro "traspasa as súas paredes", polo que durante a súa xestión analizará a "localización do centro en Galicia", que favorecerá con "presenza noutros pequenos centros" ao longo do territorio.
Nesta liña, apostou por unha "política de intervención no espazo histórico da cidade" e por "facer do CGAC un centro de reflexión e de difusión de coñecemento", para "potenciar as súas calidades e traballar para que este centro expanda o coñecemento sobre a arte contemporánea". Finalmente, mostrouse de acordo en revisar o estatuto xurídico do CGAC para "traballar na súa autonomía".
TRANSPARENCIA
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, participou hoxe tamén na presentación oficial do novo director do CGAC, co que, asegurou, se abre "unha etapa marcada pola transparencia", a "coherencia e o rigor" no centro.
Nesta liña, recordou que, por primeira vez na historia do museo compostelán, o director non foi elixido directamente pola Xunta, senón a través dun comité de expertos e un concurso público para "ter os mellores" no proceso.
De Von Haffe, Feijóo destacou a "concepción común da cultura como un organismo vivo, permeable, que contribúe á vertebración do sistema cultural galego, español, europeo e internacional".
"Nestes momentos difíciles, a aposta pola arte ten máis valor que nunca", explicou Núñez Feijóo, que atribuíu ao traballo artístico o papel de "manter vivo o xerme da identidade" galega.
Así, confiou en que o novo director "exporte e difunda" o coñecemento das ideas e o propio CGAC de xeito nacional e internacional e "fortaleza os vínculos co contexto lusófono" baixo criterios de "excelencia".

