No marco dun pleno no que os grupos da oposición se viron, por secunda vez, capaces de acurralar ao presidente da Xunta –e mesmo intercambiaron aplausos–, o conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, recuperou parte do argumentario da pasada campaña do 1-M, a acusación de tendencia “ao luxo” dos membros do bipartito, para contestar unha pregunta do socialista José Manuel Lage Tuñas sobre un dos argumentos ‘estrela’ dos conservadores durante a carreira electoral; a xestión do parque móbil da Xunta. Despois de que, o pasado día 17, o departamento de Rueda non fose quen de vender máis ca 3 dos 20 vehículos que incluíu na poxa organizada no complexo de San Caetano, Lage Tuñas instou ao conselleiro a non “gobernar por capricho” e, no canto de “malvender o patrimonio” da Xunta, empregar os vehículos que non obtiveron saída na subasta. Neste marco, e malia a recoñecer que “estaría encantado con outro resultado” da poxa, Alfonso Rueda eludiu aclarar cal será o futuro dos vehículos –dos que 16 corresponden ao Goberno de Fraga–. Así, o titular de Presidencia apostou por buscar “outras fórmulas” para allear os vehículos, que se poderían incluír, di, na compra de novos coches para “abaratar” as operacións.
