“Caos herdado” do bipartito no pagamento das axudas a persoas dependentes e un recorte de 24 millóns de euros en políticas de fomento do emprego por mor da retirada, por parte do Goberno central, dos fondos correspondentes ao Plan Estatal de Emprego. Deste xeito debullou a Conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, as principais causas das estreiteces orzamentarias do seu departamento para o ano 2010.
Apenas corenta e oito horas despois de que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, corrixise publicamente a que estaba a chamada a se converter nunha das decisións máis controvertidas do departamento –a supresión do complemento de 200 euros para as pensións non contributivas–, Mato regresou á Cámara para presentar unhas contas que, asegura, estarán caracterizadas polo seu “realismo, responsabilidade e austeridade”.
Con todo, a polémica xerada en torno a ese complemento, xunto ao tesoirazo financeiro ás partidas das antigos departamentos de Vicepresidencia e Traballo, favoreceu que os grupos da oposición chegasen á comparecencia da conselleira con munición dialéctica abondo para deixar nun segundo plano os ata catro plans para “loitar contra a crise” que, apuntou Beatriz Mato, ocuparán boa parte da súa acción en áreas como a “calidade e seguridade no emprego”, “apoio ao benestar e ás familias”, atención á dependencia” e “mocidade e voluntariado”.
Precisamente o cambio de posición a respecto da axuda de 200 euros foi o argumento empregado polo voceiro do BNG, Carlos Aymerich, para laiarse da pouca “fiabilidade” do orzamento defendido por Mato, unhas contas que, di, reflicten o “caos” e o “marasmo permanente” que xa ten tradución práctica en que, por exemplo, os perceptores da denominada “libranza do coidador” –unha prestación ecónómica derivada da Lei de Dependencia– cobrasen o pasado mércores a mensualidade correspondente a outubro.
Segundo o relato do nacionalista, as familias afectadas por este atraso foron informadas unicamente polos “telefonistas” do departamento de Mato mediante explicacións nas que recoñecían, que “cos do Bloque se cobraba por adiantado, e agora se cobrará a mes vencido”.
Malia a adxudicar este atraso á “herdanza” do Goberno bipartito, a propia conselleira recoñeceu a tardanza nos pagamentos, unha circunstancia que, asegura “non se volverá repetir” no futuro.
Perante este escenario, a voceira do PP na Comisión de Economía, Marta Rodríguez, optou por afondar no argumento do “caos herdado” encetado pola titular de Benestar para atribuírlle as posibles disfuncións na xestión do departamento a “aqueles que nos prometeron a independencia e a revolución do benestar” –en referencia ao ex vicepresidente, Anxo Quintana–.
Do mesmo xeito, a conservadora atribuiu as críticas de Aymerich á rebaixa en partidas como as axudas para a discapacidade –que, di, o nacionalista, recuperan a “rancia” denominación de axudas a “minusválidos– á “necesidade de desviar a atención sobre a xestión do BNG”.
Neste sentido, o propio voceiro nacionalista censurou que o “incremento” das partidas dedicadas á Dependencia traia consigo unha “trampa” xa que, explica, os case 250 millóns que se dedicarán a esta finalidade –case o dobre de hai doce meses– inclúen novas aportacións por parte do Estado, xunto a un aumento que chega “a costa” de diminuír outras partidas.
COMPLEMENTO DAS PENSIÓNS
Malia á tentativa de Beatriz Mato por, nun primeiro intre, obviar a rectificación protagonizada por Alberto Núñez Feijóo sobre o complemento das pensións non contributivas, os voceiros socialista e nacionalista levaron boa parte do debate cara a esta modificación.
Así, dende a súa primeira quenda de intervención, o socialista José Tomé reiterou a intención do PSdeG de emendar os Orzamentos de 2010 para garantir a presenza do complemento, dado que, na súa opinión, logo da “desautorización” por parte de Feijóo, a titular de Benestar quedou “incapacitada para tomar decisións no futuro”.
Neste sentido, a propia Beatriz Mato remarcou o “consenso” que, asegura, presidiu a rectificación anunciada polo xefe do Executivo, unha decisión que chegou o pasado martes nunha “xuntanza” entre ambos, despois de “escoitar aos axentes sociais e ao pobo”, di.
Así e todo, a conselleira recoñce que o mantemento desta prestación –que complementa cun pago anual a asignación deste colectivo de 57.000 peroas, cunha pensión de apenas 360 euros mensuais– non se atopa na súa folla de ruta para a xestión da Consellería.
Neste sentido, Mato asegura ter claro que “é mellor garantir os servizos que unha prestación económica”, aínda que, tendo en conta, explica a conselleira, “que sabemos escoitar e dialogar, tomamos a decisión de xeito consensuado, o presidente e mais eu”.
As “desculpas” da conselleira non foron ben acollidas nas bancadas da oposición. Para José Tomé, o “papelón” que, di, protagonizou o presisdente da Xunta chegou despois de que lle dese “medo e vergoña a reacción de todo o país” diante da supresión da axuda.
No mesmo sentido, Aymerich subliña que, aínda que ao BNG lle pareza “ben” que “o Goberno rectifique e repoña o complemento, o que xa non nos parece tan ben o xeito en que se fixo”. Así, explica o nacionalista que “non é de recibo que se diga que os cartos están e se acuse á oposición de non saber ler os Orzamentos”, unha acusación expresada polo propio Feijóo no Parlamento o pasado martes.
Deste xeito, Aymerich ten claro que será “necesario” modificar as contas públicas de 2010 para garantir a prestación, xa que o Orzamento “non é de chicle”, ironiza. En caso de que esta modificación non se produza, lembra, os 10 millóns necesarios para facer fronte á prestación sairán, definitivamente, do denominado “fondo de continxencia”, un fondo destinado a pagamentos imprevistos da Xunta e que pasaría de contar cun montante total de 20,3 millóns a ficar coa metade deses fondos para todo o exercicio económico de 2010.
POLÍTICA LABORAL
Outra das frontes de crítica de PSOE e BNG cara á conselleira situouse na política laboral, unha partida orzamentaria que, a xuízo de José Tomé, deixa de ser a “nena mimada” do departamento, dada a diminución de fondos en áreas como a formación dos desempregados.
Fronte a esta visión, Beatriz Mato mostrouse convencida de que a acción do seu departamento beneficiará a en torno a 140.000 traballadores, ademais de supoñer unha defensa eficaz contra a crise económia.
Esa mesma defensa dos seus plans laborais levouna Mato, poucas horas despois da súa comparecencia na Cámara, ao peche do congreso da Federación de Servizos de UGT-Galicia, onde animou aos sindicatos a "renovar ideas" que respondan á "man tendida" da Xunta.
