“O Centro Gallego de Buenos Aires é moito máis que un hospital, é historia de Galicia e da emigración; que teñan respecto, aquí morreu Castelao”. Os galegos de Arxentina temen polo futuro dunha institución histórica, fundada hai 102 anos e que podería quedar en mans dunha empresa privada de Castela e León se a Xunta acaba levando a cabo a súa proposta para as instalacións da capital arxentina.
“Pretenden que nos xestione ?unha entidade con ánimo de lucro cando nós nunca tivemos esa intención, senón axudar a colectividade galega”, di un dos socios máis antigos dunha institución que conta cun centro, en Belgrano, de 34.000 metros cadrados, distribuídos en seis plantas e dous subsolos.
O hospital, que ten menos anos que o propio centro, conta cunha capacidade para 370 pacientes, seis quirófanos e 60 consultorios externos. Na actualidade, preto de 25.000 afiliados son atendidos nun sanatorio polo que pasaron milleiros de galegos de todos os lugares e procedencias. Agora, preto de 18.000, os máis vellos e que case non teñen para pagar a cota anual, ven perigar o seu futuro.
Pero hai moito máis, porque no impresionante edificio da capital bonaerense hai tamén unha biblioteca con máis de 20.000 volúmenes, así como un arquivo sonoro onde están recompiladas desde 1947 as conferencias pronunciadas por importantes intelectuais como Castelao, Otero Pedrayo ou Fernández del Riego.
O TEMPOR POLO LEGADO CULTURAL
Os socios do Centro Gallego temen agora que o grupo 3A Recoletas quede coa xestión do hospital, pero tamén de todo o legado cultural e sentimental que contén a institución. “Pois habería que velo porque o proxecto da Xunta non está nada claro aínda”, aseguran algúns afiliados.
Desde o ano 2002, e ante as graves dificultades económico-financeiras do Centro Gallego, a institución recorreu á Xunta para crear a Fundación Galicia Saúde, que desde o mes de xaneiro de 2003 xestiona a área asistencial sanitario da entidade. Integrada a partes iguais por membros do Goberno e do centro, ten a intención de mellorar a calidade de atención dos clientes.
Agora, a mesma fundación que acudiu ao rescate do histórico centro pretende impoñer a xestión foránea, privada dun hospital que é moito máis que iso. As dificultades económicas que pasaron outras institucións semellantes, como o Hospital Español de Bos Aires ou a Casa Galicia de Montevideo, amañouse coa implicación do Goberno central e da propia Xunta.
Ante a desesperación, hai quen xa propón tomar medidas e reclamar o apoio doutras administracións. “Se isto segue así, chamaremos á porta do Estado central para pedirlle axuda”, aclaran desde un centro no que este día se suceden as reunións na busca da solución menos polémica e problemática para todos.
Unha muller, que ocupa un cargo de responsabilidade dentro da institución galega, é ben clara: “Non asinarei a partida de defunción do Centro Gallego”. Todo, malia estar emparentada cun dirixente do Partido Popular de Arxentina.
Porque é precisamente o desencanto dalgúns afíns ao PP co seu partido o que está a crear maior confusión entre a colectividade emigrante. As diferenzas entre as distintas agrupacións políticas da institución non son tantas á hora de abordar o que consideran fundamental para o futuro da emigración e do sentimento galego.

