A asistencia sanitaria aos galegos da emigración foi unha das bandeiras electorais do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, durante a campaña previa aos comicios autonómicos galegos do pasado 1 de marzo.
Neste contexto enmarcábase, o pasado 1 de febreiro, a que se converteu nun dos grandes argumentos electorais de Feijóo na diáspora, isto é, a entrega da tarxeta sanitaria do Servizo Galego de Saúde (Sergas) a “todos” todos os cidadán de Galicia residentes fóra da comunidade.
No transcurso dun acto preelectoral na cidade suíza de Zúrich, cargou contra o entón presidente, Emilio Pérez Touriño, por considerar á emigración “simple mercancía electoral”, e contrapuxo a acción do Goberno bipartito na emigración coas súas promesas de sanidade universal custeada con fondos públicos.
Apenas unha semana despois, o 7 de febreiro, Feijóo recuperaba esta promesa nun dos grandes caladoiros de voto da emigración: Uruguai. Diante de máis de 1.500 persoas de orixe galega, o líder conservador non só garantía a extensión da tarxeta do Sergas a todos os emigrantes, senón que ademais se comprometía a non regresar ao país sudamericano sen que contasen co seu documento sanitario galego “individual”.
“Non viaxarei como presidente da Xunta a Uruguai –aseguraba Feijóo–sen poñer en marcha antes a tarxeta sanitaria individual que, por xustiza social, deben ter os emigrantes”, sentenciou o entón candidato, ao tempo que subliñaba que, ademais de non regresar ao país “de baleiro”, a súa seguinte estancia en Uruguai seriviría para comprobar que o sistema público de saúde galego “funciona” no país, como sinal de ter "cumprido".
