O seu “interese” en que a empresa Recoletas se faga coa xestión do Hospital do Centro Gallego de Buenos Aires e as causas do seu “ultimátum” e “falta de respecto” cara aos colectivos que forman parte do Padroado da centenaria institución da emigración galega. Estas son dúas das principais explicacións que PSOE e BNG reclamarán no Parlamento do conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, despois de que Xornal de Galicia revelase que a Xunta ameazou con pór fin ao seu apoio económico ao hospital bonaerense se a privatización da súa xestión non chega a bo porto.
Xunto a Rueda, a deputada socialista Laura Seara reclama que mesmo sexa o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen dea conta do sucedido na xuntanza na que, tal e como ten adiantado este diario, os titulares de Presidencia e Sanidade, cos seus respectivos equipos, falaron “en termos de ultimátum” aos representantes da emigración galega.
Para Seara, a actitude de Rueda vai alén dunha postura “antitética” á do PSOE no que se refire á “xestión” do centro sanitario para converterse nunha “falta de respecto” ao “simbolismo” do Centro Gallego. “É posible –di Seara–que Rueda e Farjas non entendan nin coñezan o valor simbólico e histórico” do Hospital Galego, cun “gran significado para os galegos”, dado que, no centro, por exemplo, subliña, se atopa “o cuarto no que morreu Castelao”.
Para a socialista, tampouco Feijóo pode “pasar de esguello” diante da actitude de Rueda coas asociacións que forman parte do padroado do Centro Gallego, as mesmas que adiantaron a este diario o seu malestar co Executivo. Neste contexto, Seara móstrase convencida de que os propios colectivos da emigración porán sobre a mesa “alternativas” á adxudicación a Recoletas que a Xunta presenta como única opción.
Tamén o voceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, anuncia que os nacionalistas reclamarán explicacións por vía parlamentaria para dar resposta a “preguntas” como se Rueda exerceu en Bos Aires “como titular de Presidencia ou como axente comercial de Recoletas”.
Aymerich asegura non ter claro “que intereses teñen o PP e Rueda nesta empresa” xa que, di, resulta rechamante que “coa que está caendo” nas filas conservadoras –en referencia a conflitos internos coma os derivados do caso Gürtel–, o conselleiro se molle ata este punto cunha empresa, ata o punto de chantaxear” aos colectivos da emigración.
Neste escenario, Aymerich lamenta que “este sexa o tan cacarexado compromiso” do Goberno de Feijóo coa emigración, un “problema” no que á “manipulación política”, di, se suma agora “a utilización económica”.
As críticas de socialistas e nacionalistas non variaron, ao longo da xornada de onte, o posicionamento dos conservadores que, despois de que o pasado sábado defendesen, a preguntas deste diario, o acontecido en Bos Aires –“o hospital”, afirmaban, “sempre foi privado”–, onte decidiron saír ‘ao ataque’ criticando con dureza a política sanitaria do Goberno bipartito. Segundo o voceiro de sanidade do PPdeG, Rosendo Fernández, o PSdeG “debe ter amnesia cando fala de privatización, pois esquece que cando o seu partido dirixía a Sanidade, pretendía externalizar os servizos”.

