Unha semana despois de que se celebrase o pleno extraordinario do Concello da Coruña solicitado polo PP para pedirlle á Xunta que faga cooficial o topónimo en castelán da cidade –o que obrigaría a reformar a Lei de Normalización Lingüística– os populares séntense plenamente satisfeitos cos resultados da súa iniciativa, posto que malia que foi rexeitada polo alcalde socialista Javier Losada, este logo pediu o mesmo que o PP nunha carta persoal enviada tras anuncio público ao presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo. No entorno do PP cren que Losada caeu na súa estratexia e que así conseguiron tanto dinamitar o seu pacto municipal co Bloque como liderar a ofensiva polo ‘L’ e facer visibles as diferenzas entre o PSOE coruñés e o do resto de Galicia.
Nos foros populares destácase o “acerto táctico” do líder do PP coruñés, Carlos Negreira, que encabeza a nova lea polo topónimo con certo apoio do alcalde, ao que ao tempo ataca por “non ser capaz de votar o que logo pide”. Así, non deixa pasar a ocasión para pasarlle pola cara as súas contradicións, sen ocultar a súa satisfacción. “Fixo o ridículo máis espantoso”, afirmou o que tamén foi presidente de Portos de Galicia durante a época na que foi conselleiro Pablo Crespo, agora no cárcere como cerebro do caso Gürtel.
O máis rechamante chegou ao día seguinte de que Losada enviase a Feijóo esa carta sen cuxa existencia toda a estratexia do PP quedaría en nada pero que o alcalde preferiu mandar para intentar contentar aos sectores máis conservadores e localistas que lle poden quedar dos tempos do anterior rexedor Francisco Vázquez. Con eles non se sente a gusto o PSdeG, que por medio do deputado Francisco Cerviño defendeu no Parlamento a Lei de Normalización, contando co voto de dous destacados dirixentes coruñeses, Mar Barcón e José Luis Méndez Romeu. Estes dous “fixéronlle unha moción de censura a Losada”, segundo Negreira, contento tamén ao ter en bandexa a posibilidade de restarlle poder ao alcalde. “Está fóra de sitio tanto na Coruña como en Galicia”.
Pero ademais, a chiscadela do PSOE coruñés ao ‘L’ entrando ao touro que lle ofreceu o PP tamén serviu para enturbar o bipartito local. O tenente de alcalde, o nacionalista Henrique Tello, dixo estar disposto a “renunciar se se agrede o idioma galego dende o Concello” e por vez primeira non rexeitou de forma taxante romper o pacto de Goberno. “A carta de Losada foi unha broma de mal gusto”, dixo en referencia á misiva que permitiu ao PP sentirse forte coa mesma táctica de división que practicou antes do 1-M. Moitos culpan delo ao alcalde coruñés. A maioría dentro do seu propio partido a nivel galego. E mentres, o PP feliz por sumar un gol en propia porta, como se lle notou onte, xuntos, a Feijóo e Negreira.

