A Fundación Caixa Galicia celebra os seus primeiros vinte anos de andadura cun retrato colectivo da cultura galega. Seis debates en seis cidades distintas reunirán a partir deste sábado e até mediados do mes de decembro 36 protagonistas do facer cultura do país. As mesas redondas, abertas ao público, queren tomarlle o pulso á creatividade nos campos da arte, a literatura, o teatro, a música, o audiovisual e a arquitectura e o urbanismo.
A primeira cita, este sábado ás doce do mediodía na sede da fundación en Pontevedra, está dedicada á plástica. Baixo o título 20 anos de arte galega, o crítico David Barro moderará unha mesa redonda integrada pola artista Almudena Fernández, o coleccionista compostelán José Blanco Fondevila, o fotógrafo Vari Caramés, o director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle, e a directora da galería Trinta, Asunta Rodríguez.
O seguinte encontro, dedicado á literatura, celebrarase na capital galega da edición, a cidade de Vigo, o vindeiro 14 de novembro. Contará co director de Xerais, Manuel Bragado, como moderador, e coa poeta ourensá Chus Pato, os narradores Suso de Toro e Agustín Fernández Paz, o crítico Ramón Nicolás e o presidente da Federación de Libreiros, Xurxo Patiño.
O sábado 21 a quenda será para a escena. Na sede ferrolá da fundación reuniranse Manuel Lourenzo, Gustavo Pernas, Ana Vallés, Quique Peón e Cándido Pazó, moderados polo xornalista Camilo Franco. A seguir, o 28 de novembro, o ex director da Axencia Audiovisual Galega, Manuel González, coordinará un debate sobre o sector entre Antón Reixa, Xosé Manuel Olveira Pico, Susana Maceira, Daniel Domínguez e Dolores Ben.
Unha semana máis tarde, xa no mes de decembro, terá lugar o encontro dedicado á música, no que participarán Xurxo Souto (moderador), Alberto Comesaña, Mercedes Peón, Fernando Luaces e Suso Atanes. A última sesión será para a arquitectura e o urbanismo, con César Portela, Joaquín Torres, Iago Seara, Manolo Gallego, Cristóbal Crespo e Andrés Fernández Albalat, que actuará como moderador.
“Queremos achegarlle ao público un debate, unha reflexión sobre a evolución da cultura nos últimos vinte anos da forma máis transparente e máis próxima”, explicou nun comunicado a directora da Fundación Caixa Galicia, Teresa Porto, organizadora do foro.
