Vigo recibirá un total de 2,5 millóns de euros máis dos Presupostos Xerais do Estado (PGE), despois de que o Goberno central aceptase varias emendas presentadas polo BNG.
Así o anunciou onte en rolda de prensa a deputada Olaia Fernández Davila, que destacou que o conxunto de Galicia obterá 29 millóns adicionais a pesar de que a súa formación mantén o seu voto “en contra” á lei presupostaria. A representante nacionalista admitiu que, como contrapartida, o Bloque Nacionalista Galego comprometeu o seu apoio ao Goberno en temas puntuais.
Durante a súa comparecencia, Fernández Davila estivo acompañada do tenente de alcalde de Vigo, Santiago Domínguez, que informou de que as novas partidas con financiamento teñen que ver co AVE, a vila romana de Toralla e o Centro Galego de Fotografía.
UN MILLÓN PARA O AVE A PORTO
Domínguez apuntou que o Goberno aceptou destinar un millón de euros extra ao tramo da alta velocidade ferroviaria comprendido entre Vigo e Portugal, conectará –coa axuda do treito portugués–Vigo e Porto en menos dunha hora. Ademais os 500.000 euros que o BNG solicitara para a construción do centro de visitantes da vila romana de Toralla e para a urbanización do seu ámbito, que estarán finalizadas a finais do próximo ano.
Ademais, o dirixente nacionalista sinalou que o Centro Galego de Fotografía, que se situará na rúa Chao, recibirá unha inxección engadida dun millón de euros para a súa apertura no último trimestre de 2010. Tal e como xa se anunciara, a intención é que este centro reúna o “mellor legado de fotografías de Vigo” e se converta na sede oficial do arquivo Pacheco.
