Non é Rodin... Éche Rubén!

Rubén González é un talentoso escultor e pintor sadense que crea pezas artísticas de gran beleza. Decidiu pecharse no seu taller para facer da súa vocación o seu modo de vida, unha opción cada vez menos frecuente na actualidade
Daniel Prieto 08/11/2009 - 16:00 h.
0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 8 voto/s

Averdade é que son fodido de entrevistar”, advirte Rubén González (Sada, 1978), un artista que leva nove anos a traballar incansablemente nas súas impresionantes esculturas e pinturas. E ten toda a razón. Porque en Rubén hai que mirar moito máis alá e non quedar nas simples palabras. Haise que deter un instante para divisar este creador absolutamente perspicaz e inconformista que se esconde tras o seu laconismo. E é que como dixo Aristóteles, “o sabio nunca di todo o que pensa pero pensa todo o que di”. E creo que tamén tiña razón. Con todos vostedes, Rubén González, un home que esculpe o mar coas súas mans, que fixo da beleza o seu modo de vida, que vive recluído no seu taller para fuxir do cárcere de fóra... Un xenio, en definitiva.

“O meu obxectivo é dedicarme a isto”, indica. Tras rematar os seus estudos de artes aplicadas á escultura na escola de Artes e Oficios Pablo Picasso, da Coruña, Rubén decidiu que quería vivir por e para a arte. O seu incuestionable talento, esa palabra tan manida, cultívao día a día con maratonianas xornadas de traballo. “Teño milleiros de bosquexos e estou día e noite no taller, moitas veces incluso durmo aquí, procuro ser constante”, sinala. Polo momento, debe realizar traballos por encargo para manter a súa actividade artística. “Fago de todo: cruceiros en pedra para fincas, trisqueles, mandáronme restaurar unhas ménsulas de madeira para un edificio antigo da Coruña e mesmo esculturas e cadros por encargo”, recoñece Rubén, con ton algo canso. “Non se me dá moi ben o show business e son un mal vendedor”, engade. Pero os seus ollos marróns ilumínanse cando fala dos seus proxectos: “A miña idea é contar cun representante, expoñer e facerme un oco. Quero falar cos galeristas”.

En canto ao proceso creativo, o sadense teno claro.“Tento manter a frescura inicial do bosquexo na consecución da obra. Conservar a espontaneidade, o latexo primixenio, é o complicado. Que o resultado final non perda forza e manteña a esencia é o obxectivo”, explica Rubén. As súas xigantescas esculturas en madeira, metal, escaiola e pedra recrean o corpo humano e o mundo mariñeiro, principalmente. Pero tamén hai un oco para a mitoloxía e os episodios oníricos. As súas hercúleas tallas femininas, de ata catro metros de altura, miran inmóbiles o horizonte, desde a eternidade. Na elaboración destas rexas mulleres, o artista investiu varios anos de traballo continuo.

Formas que lembran a Francisco Leiro, a Rodin e as primitivas esculturas da arte africana intimidan o visitante no seu taller. “Quero que a obra me guste a min en primeiro lugar”, recoñece. En canto á súa tendencia ao xigantismo, o artista é directo: “Creo que o tamaño si importa”, di con sorna. En pintura, o mar copa por completo as súas arelas expresivas. De novo, enormes murais que recordan a Dalí, Diego Rivera e Laxeiro falan de naufraxios, de tabernas, de alcol e da loita milenaria do home co medio. A cor é un elemento fundamental para Rubén Gonzalez, que tamén aplica á escultura. A vivacidade ás veces tétrica das súas composicións cromáticas nunca deixa indiferente. “Eu simplemente pintaba desde pequeno nas mesas da escola e a profesora non me berraba, así que pensaba que ao mellor lle gustaba. E despois seguín pintando”, conta o artista en relación ao seu propio concepto como pintor. “Creo que non hai que pretender ser ninguén”, resume.

O do Fiunchedo confesa que quere acceder ao frívolo circuito comercial da arte pola súa propia supervivencia, pero tendo presente quen é, lanzando unha crítica velada contra o inmobilismo da arte oficial. “Eu teño o meu local cerca do cemiterio, e creo que o meu futuro será como o de calquera outro sadense, a cen metros de distancia”. Na súa opinión, a única diferenza entre os artistas reside no material do que están feitos os seus cadaleitos. “Se a caixa é de pino os bechos entrarán máis facilmente pero terán menos que comer, pero se polo contrario é de carballo seguramente custaralles máis entrar pero terán máis que comer”, ironiza sobre a superficialidade e o egoísmo que imperan no ghetto das artes plásticas.

 

A PLACA INTERMINABLE

Hai oito anos, Rubén cedeulle unha escultura de madeira ao Concello de Sada, que permanece exposta na Casa da Cultura desde entón sen placa identificativa sobre o autor, unha situación que define con bastante retranca. “Falei con todos os políticos que pasaron desde entón polo consistorio e todos me dixeron que a placa estaba encargada. E coido que quen a estea a facer debe ser un gran artista, porque van oito anos de elaboración e creo que esa placa ao final terá máis valor artístico que a propia escultura. Estou desexando vela”, sinala.

Rubén González, que permanece nun “proceso de aprendizaxe continuo”, rematou recentemente unha das poucas obras pictóricas que bautizou. A rede é unha serie de cinco enormes lenzos que sintetiza tanto o seu concepto da arte como a súa filosofía persoal. “O que me interesa son as relacións entre as persoas e as circunstancias que as circundan, como tentei facer n’A rede, que é unha metáfora sobre a sociedade mariñeira”, narra. O escultor e pintor sadense viviu parte da súa infancia nunha taberna do peirao de Sada, o que o puxo en contacto desde moi novo coas xentes do mar.

“Meu pai era mariñeiro e eu crieime nun bar de mariñeiros, O Pepecho, así que ese ámbito é moi familiar para min. A rede ofrece unha visión realista dese ambiente marxinal. Non é a paisaxe que podería compoñer un turista, é unha composición feita desde dentro, desde as mesmas tripas da sociedade mariñeira. Tenta representar todo o que conleva vivir do mar”, comenta. Unha rede atravesa os cinco lenzos desta obra concibida máis como un mural que como un cadro. De feito, Rubén é un afamado muralista na comarca das Mariñas, que xa ilustrou o interior de varios locais da bisbarra coruñesa.

“A rede abrángueo todo”, continúa Rubén, “porque somos prisioneiros dela. Estamos atrapados por moitísimas cousas, en primeiro lugar por nós mesmos. Cremos que estamos cazando cando en realidade nós somos os cazados... é como coas mulleres”, remarca, para rematar explicando os motivos que o levaron a optar por un estilo de vida que, a ollos dalgúns, converte a Rubén nunha especie de anacoreta. “É difícil contar o que fago, porque vivo nun sitio pequeno e algunhas persoas non o entenden ben. Ás veces síntome incomprendido, pero non me importa porque precisamente por iso elixín este estilo de vida, para escapar da rede. E aínda que sei que é imposible, polo menos podo dicir que o tentei”, argumenta.“A Rede comeza e remata cunha partida de cartas, porque todo o mundo xoga a súa partida. Todo o mundo bota as súas contas, e ao final estamos sós”, asevera Rubén, que dedicou catro meses a elaborar a súa máis recente creación.

E mentres chega o salto definitivo á palestra, Rubén González reafírmase no seu compromiso vital coa arte. “De momento non podo vivir disto, pero pretendo facelo, de feito é o que estou facendo xa. Para manterse con vida non é necesario moito”, razoa. “Todo está en venda”, di cando lle preguntan polas pezas ofertadas, “menos a miña integridade”, sinala. Un home que aspira a vivir da materia dos soños merece conseguilo.

Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad

Título:
Comentario:
Nombre:
Email: (no se visualizará)
Introduce la palabra de la imagen
Código de verificación para prevenir envíos automáticos.
kaptcha
Identificarse con:
  

Esta página publica todo tipo de opiniones, réplicas y sugerencias de interés general, siempre que sean respetuosas hacia las personas e intituciones.
Se aconseja un máximo de 15 líneas, que podrán ser extractadas por nuestra Redacción.
Los autores deben hacer constar: nombre y apellidos, y e-mail.
Aquellos textos que no se ajusten a estos criterios podrán ser retirados de la web.