Cincuenta anos despois da morte do intelectual Ramón Cabanillas, o concello de Mondariz-Balneario xunto coa Irmandade Xurídica Galega celebran hoxe unha serie de actos na súa homenaxe nos que tamén se reivindicará o uso da lingua galega dentro das corporacións locais. Deste xeito, entre as actividades previstas para o día de hoxe, destaca a firma da chamada Declaración de Mondariz Balneario.
Trátase dun documento asinado polas corporación locais de Cambados, Cuntis, Dozón, Moaña, Mos, Redondela e Silleda, ademais de polo propio concello de Mondariz no que se insta a trasladar á opinión pública unha mensaxe “de galeguidade activa” que segundo informa o concello “é o que se reflicte na obra de Cabanillas”.
Os oito municipios asinantes son lugares nos que o escritor e galeguista traballou nalgún momento da súa vida. A declaración subliña que a efémeride é a ocasión acaida para “matinar sobre o papel dos concellos e das deputacións de cara á consecución da plena normalización lingüística do noso idioma”.
Así, o documento defende o papel que desempeñaron os concellos nas últimas décadas como delegacións locais dende as que se impulsou o uso do idioma propio de Galicia. A declaración recorda como fito senlleiro da introdución do galego como lingua administrativa e xurídica a “Declaración de Compostela” do ano 1984, asinada só un ano despois da aprobación da Lei de Normalización Lingüística.
No programa de actividades na honra de Cabanillas está previsto que sexa ás doce e media da mañá cando se proceda á lectura e posterior sinatura da declaración. Se nada o impide o secretario xeral de Normalización Lingüística, Anxo Lorenzo estará presente nos fastos.
