A Comunidade galega é unha das autonomías que menos fondos destinan ao cumprimento da Lei para a Autonomía Persoal e Atención ás Persoas en Situación de Dependencia, xunto con Estremadura e Cataluña. Así o revela o informe Financiamento e custos da Lei de Dependencia, realizado pola Asociación Estatal de Directores e Xerentes en Servizos Sociais.
A Administración Xeral do Estado (AGE) achega para 2009 máis da metade dos fondos para a aplicación desta lei, é dicir, 1.935 millóns (56%), mentres que os usuarios do servizo achegan 585 millóns (17%) e as comunidades 954 millóns (27,5%). Porén, a propia norma establece que, deducida a achega dos dependentes, os gobernos autonómicos deberían contribuír o mesmo có Estado.
A CANARIAS SÓBRANLLE CARTOS
Pero entre todas elas, o estudo destaca o papel de Canarias no sistema de financiamento da norma, tendo en conta que recibe do Estado 53,6 millóns (118% do que precisa para aplicala) e os beneficiarios achegan máis de 8,3 millóns (18,5%), de tal xeito que o goberno autonómico non só non achega nada ao sistema, senón que con estes fondos pode atender a todos os seus dependentes e incluso lle sobra diñeiro (16,9 millóns).
Algo similar ocorre con Murcia, que percibe da AGE 63,5 millóns (98%) e os beneficiarios pagan 5,3 millóns (8%), de tal xeito que lle sobran 4,2 (7%). Pola súa banda, Baleares recibe do Estado 35,6 millóns de euros (93% do custo), os usuarios achegan 5,5 millóns (14,5%) e, polo tanto a esta comunidade sóbranlle case tres millóns (8%). A esta lista das autonomías que menos achegan súmanse Estremadura, Galicia, Cataluña e Aragón.
O traballo destaca que existen comunidades autónomas cuxa achega é similar á do Estado, acercándose así aos parámetros correctos do modelo de financiamento. Trátase de Andalucía, Asturias, Castela-A Mancha e Valencia. Outras, poden verse prexudicadas por achegar sensiblemente máis que a propia AGE para o sostemento do sistema, como Cantabria, Castela e León e A Rioxa.
OS MADRILEÑOS PAGAN MÁIS
Un caso á parte é a Comunidade de Madrid, que, se ben tamén supera a achega do Estado, os seus dependentes son tamén os que máis contribúen a cofinanciar os servizos que perciben, concretamente o 24%, sete puntos por riba da media.
En termos globais, a Asociación Estatal de Directores e Xerentes en Servizos Sociais chama a atención sobre a “disparidade” dos datos entre territorios, asegurando que as mensaxes sobre se o Estado achega máis ou menos que as comunidades “perden todo o sentido tendo en conta as enormes desviacións sobre a media que se producen no sistema”.
O custo medio por persoa dependente en España situaríase, segundo os datos deste estudio, en 9.250 euros. Se a media do copago ao ano (o que achegan os usuarios) é de 1.650 euros, os 7.600 restantes teríanse que repartir entre a AGE e as comunidades autónomas, é dicir, en torno a 3.800 euros cada unha. Polo tanto, resultarían “prexudicadas” as comunidades de Madrid, Castela e León, Valencia, A Rioxa e Cantabria.

