Na segunda xornada do VI Simposio do Libro e a Lectura, dedicado este ano ao libro dixital, Manuel Bragado, director de Edicións Xerais, sinalou que a chegada do libro dixital non vai modificar unha das características máis discutidas do sector editorial galego, a dependencia dos libros de texto e dos materiais educativos. “Direino en román paladino, o noso futuro segue a pasar pola educación”, sentenciou na súa conferencia de onte.
Bragado lembrou que na actualidade os materiais que abastecen ao sistema educativo supoñen o 60% dos títulos e o 70% da facturación das editoriais galegas, mentres que a literatura só achega o 10% dos ingresos, “e iso non vai cambiar no futuro”. Polo tanto, salientou a necesidade de que os editores pensen xa en crear contidos dixitais para as aulas, tanto libros de texto como material de apoio, porque os beneficios que xeran son necesarios para poder asumir outras publicacións máis arriscadas.
“Hai unha nova reforma pendente no sistema educativo, no que xa aparecerán as edicións mixtas dixitais e en papel, é seguro que se vai producir, e pensar neses novos contidos debera ser xa parte do noso traballo”, afirmou Manuel Bragado.
Pensando no futuro, o editor de Xerais fixo tamén un chamamento ao sector do libro –a editores e libreiros especialmente– para que se una na creación dunha plataforma web dende a que distribuír as súas publicacións electrónicas: “No mundo dixital, a lingua é a nosa única fronteira, e os que compartimos o soño da edición en galego deberiamos unir esforzos”.
Sen que as editoriais galegas deixen de estar presentes en portais coma o de Publidisa, Todoebook, no que Xerais e Galaxia subiron estes días as súas primeiras novidades editoriais que aparecen en formato electrónico ao tempo que en papel, Bragado considera beneficioso que haxa un lugar de referencia na internet ao que acudir para descargar as novidades e os clásicos en lingua galega, e asegura que este proxecto só se pode afrontar de xeito colectivo.
Xa ao comezo da súa intervención, Bragado advertiu que non viñera para ofrecer verdades, senón, “incertezas, dúbidas e reflexións”. Polo tanto, Bragado recoñeceu que hai moito que responder sobre o proxecto, pero animou a manter un debate para facelo realidade.
O máximo responsable de Xerais, e un dos editores que máis apostou pola internet como medio de comunicación –mantén dende hai anos un prestixioso blog relacionado co mundo do libro, Brétemas– insistiu na importancia de contar cos libreiros nesta futura plataforma, aínda que algúns sexan escépticos ao libro dixital. Temos que camiñar por unha nova verea da que non podemos quedar fóra”, concluíu.
