Chema García: “O galego é unha vantaxe no libro dixital”

O responsable da maior distribuidora de ‘ebooks’ de España cre que a lingua axuda a diferenciarse
A. Losada Actualizado 21/11/2009 - 14:05 h.
0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 7 voto/s

Chema García é o director comercial de Publidisa, hoxe en día a maior distribuidora de libros dixitais de España. Fundada en 2000 e con sede en Sevilla, traballa con 400 editoriais –algunhas de Portugal, México e Arxentina–, ten 20.000 publicacións en formato electrónico e 30 librerías afiliadas á súa plataforma de distribución, Todoebook.com, onde se venden xa os primeiros títulos dixitais de Galaxia e Xerais, en galego. García estivo esta semana no VI Simposio do Libro e a Lectura.

 

Insistiron moito no simposio en que a clave en internet é diferenciar o produto. Pode o idioma servir para iso?

Dende logo que servirá. E máis importante aínda: que o libro en galego dea o salto ao formato dixital ha permitir que poidan acceder a el moitas persoas que están interesadas, pero que agora teñen difícil atopalo en papel, como as universidades estranxeiras.

 

Pode ser unha porta aberta para o eterno obxectivo incumprido de entrar no mercado brasileiro?

Sen dúbida, facilitará moito o traballo. Pero non só os galegos miran para Brasil, faino todo o mundo, porque é un dos mercados emerxentes xusto no momento en que está a popularizarse o libro dixital. Agora, en xeral, será máis sinxelo vender en Latinoamérica ao desaparecer o problema do transporte, e pode ser unha grande oportunidade, especialmente se as administracións públicas animan a aproveitala.

 

Polo momento, a Administración aplícalles aos libros dixitais o 16% de IVE, e non o 4%, como aos volumes en papel. Cambiará este atranco?

É un dos detalles que poñen en evidencia que a tecnoloxía vai por diante da lexislación. Os libros electrónicos considéranse software, como os videoxogos, e Facenda aplícalles o imposto de artigos de luxo. Porén, a nova lei do libro xa lles recoñece a mesma categoría que aos impresos. É o primeiro paso para corrixir este erro.

 

Como é o papel dos distribuidores no mercado do libro dixital?

Na cadea de produción do libro dixital quedan as mesmas figuras: escritores, editores, distribuidores, libreiros e lectores. O que cambia fundamentalmente é o soporte de lectura, e a canle, porque o libro físico tiña un lugar nos estantes das librerías, e o libro dixital teno nas páxinas de internet. O resto das relacións non cambian nin, aínda que se diga o contrario, se abaratan en exceso. Nós non pagamos camións nin almacéns, pero si temos gastos de almacenaxe dixital, mantemento das páxinas webs, etc.

 

Por iso seguen a cobrarlles aos editores un 50% do prezo final do libro, cousa que algúns deles criticaron?

Si, mantemos a marxe comercial, pero hai que ter en conta que entre un 20 e un 35% vai para as librerías que logo exhiben na rede os produtos, como El Corte Inglés ou Casa del Libro. Nós recibimos pagamento por ocuparnos da parte tecnolóxica, algo que aos editores lles é complicado asumir por si mesmos.

 

Tamén hai editores que se preocupan porque sexan vostedes os que almacenen os libros dixitais nos seus servidores, porque pensan que perden control sobre o produto...

Iso sería como preocuparse porque non son eles os que fan o papel no que hoxe imprimen os libros. Tampouco agora teñen o cento por cento do control sobre o libro, pero parece que aínda teremos que acostumarnos a iso nos formatos dixitais, e establecer mecanismos de autorregulamento que nos fagan sentir cómodos con eles. Pero iso son debates que transcenden o sector do libro, xa que afectan a toda a internet. Aínda pasaremos tempo preocupados pola falta de control.

 

Que se pode aprender dos precedentes da música e o vídeo, que chegaron antes á rede que as editoriais?

Ao miralos de primeiras, poden aumentar a preocupación, por todo o mercado da piratería que alimentaron, pero no libro non ten porque pasar o mesmo. Eses dous sectores son maioritariamente de ocio, pero no do libro hai outros negocios. Hai textos oficiais, xurídicos, técnicos que tamén son libros, e hai tamén libros de texto. Nestes días, que estamos a falar do número de ordenadores que vai haber nas aulas, esquecemos que tamén son precisos contidos educativos dixitais, e vainos haber, se non os fan os mesmos profesionais que agora, serán outros, pero haberaos.

 

Ata que punto lles quita o sono a piratería neste novo mercado?

Nos best-seller, na parte do noso mercado que tamén é ocio, non é que vai haber copias non autorizadas, é que xa as hai. Pero iso non significa que non vaia haber un mercado para a xente que queira un libro, digamos oficial, con mellor calidade. Haberá que buscar novas fórmula de explotar a literatura, algunhas son previsibles, coma a volta ao folletín, á novela por capítulos, que xa está a ocorrer en Xapón, e outras aínda non naceron. Confiamos en que autores e editores, que son xente creativa, saberán dar con elas.

Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad

Título:
Comentario:
Nombre:
Email: (no se visualizará)
Introduce la palabra de la imagen
Código de verificación para prevenir envíos automáticos.
kaptcha
Identificarse con:
  

Esta página publica todo tipo de opiniones, réplicas y sugerencias de interés general, siempre que sean respetuosas hacia las personas e intituciones.
Se aconseja un máximo de 15 líneas, que podrán ser extractadas por nuestra Redacción.
Los autores deben hacer constar: nombre y apellidos, y e-mail.
Aquellos textos que no se ajusten a estos criterios podrán ser retirados de la web.