O BNG de Cerceda apoiou onte a permanencia da planta Sigre, situada no complexo medioambiental da Sociedade galega de Medio Ambiente (Sogama) dese muncipio, “sempre que non supoña un risco para a saúde, nin dos traballadores nin dos veciños”, segundo declarou a este medio a portavoz da agrupación, Rocío da Igrexa. No pleno extraordinario celebrado onte con carácter de urxencia, todos os grupos do Goberno municipal aprobaron por unanimidade instar á Xunta ao mantemento da planta Sigre, dedicada á reciclaxe de envases e restos de medicamentos, que xera 32 postos de traballo directos e 89 indirectos.
Segundo fontes municipais, tal e como adiantou Xornal de Galicia hai meses, “Sigre está valorando trasladar a súa planta a Madrid, onde xa dispón de terreos, xa que o PSOEe e o BNG, desde o Parlamento, opóñense á queima de fármacos en Cerceda”. Na actualidade, a planta coruñesa recibe os refugallos de fármacos de toda España e envíaos para a súa valorización enerxéctica a Plasencia, en Cáceres. “Isto é moi custoso para Sigre, e se a situación non se arranxa poderían marchar de Cerceda”, precisan.
PSdeG, BNG e PP aprobaron por unanimidade o único punto da orde do día da sesión, Acordo contra o peche do Sigre en Cerceda, polo que, a vindeira semana, o alcalde do municipio, o socialista José Luis García Liñares, porase en contacto co conselleiro de Medio Ambiente “para que a planta non peche, xa que se demostrou que é viable”, declarou onte o rexedor. A corporación acordou tamén instar á dirección de Sogama e aos sindicatos a chegar a un acordo, xa que os traballadores sentíronse indispostos tras as queimas realizadas, en especial despois da incineración de 400 toneladas o verán pasado. “Están facendo política con nós; só queremos conservar os postos e que as queimas se poidan facer aquí con seguridade”, indicaron fontes sindicais.

