A Consellería de Cultura inaugura mañá, por primeira vez en España, unha exposición da fotógrafa suíza Sabine Weiss sobre O home e as súas crenzas, que permanecerá ata mediados de febreiro no Museo das Peregrinacións de Santiago. É unha das actividades previstas na promoción do Ano Xacobeo que se celebra en 2010.
Na mostra, a fotógrafa humanista retrata o momento transcendental do diálogo entre a persoa e a divindade a través de 60 imaxes en branco e negro, segundo informou a Consellería de Cultura. O traballo é unha selección das mellores imaxes feitas por Sabine Weisss sobre a relixión, a fe e a expresión e comportamento humano ante as deidades.
É o froito de varias décadas de traballo en localizacións de todo o mundo, por onde a fotógrafa buscou o significado de Deus, non tanto pola súa forma divina como a faceta máis humana. Trátase dunha selección multiétnica e multiconfesional.
Nacida en 1924, Weiss conectou cos grandes fotógrafos do seu tempo, como o francés Robert Doisneau. Con 22 anos, marchou a París, onde descubriu a súa vocación fotográfica e inmortalizou as rúas e a vida cotiá da cidade parisiense, como os seus compañeiros de axencia: Cartier Breson, Brassay Fernand Ronis.
Nos anos 50 e 60 traballou para a revista Vogue en numerosas reportaxes de moda e retratos de personalidades. Ante o obxectivo da súa cámara pasaron, entre outros moitos, artistas do talle de Joan Miro, March Chagal, Andre Bretón ou Giacometi.
Sabine Weiss, nomeada en 1987 Cabaleiro das Artes e as Letras de Francia, expuxo no Museum of Modern Art de Nova York (MoMa), no Art Institute de Chicago ou no museo do Elíseo, entre outros.
