O Partido Popular pechou onte o seu congreso da reunificación coa ausencia de dous dos seus dirixentes máis díscolos, Francisco Camps e Esperanza Aguirre. Camps paseou a Rita Barberá, Fernando Alonso e Massa polo circuíto de Valencia. Esperanza Aguirre alegou “motivos familiares” para non estar presente no momento no que Rajoy pronunciaba o seu discurso de clausura. O presidente do PP convenceu un auditorio entregado de que é alternativa. Diante do atril, pronunciou un discurso ateigado de esixencias ao seu partido e baleiro de calquera referencia aos recentes conflitos internos vividos no seu seo. O máximo responsábel popular reclamou un partido “unido e limpo” para liderar e ser “ferramenta útil”, e tamén para devolver aos cidadáns a “confianza” nos políticos. Rajoy permitiu albiscar que está disposto a gobernar o PP manu militari. A organización política que preside debe ser referencia do que el considera “inexcusábel” na política: “a esixencia moral” de “limpeza na vida pública”. “Traizoar iso supón traizoar a confianza que depositaron os cidadáns en nós”, engadiu.
CÓDIGO ÉTICO
Para coutar calquera abrollo de corrupción no PP no futuro, Rajoy anunciou no seu discurso que nesta semana se aprobará un código de boas prácticas interno. Será daquela cando revelará a súa anunciada proposta de pacto anticorrupción municipal que o PP quere levar ao Congreso. “Quen se afilia a un partido político ten que ter unha actitude exemplar”. O presidente do PP describiu a política coma unha “actividade noble baseada no servizo ao cidadán” e reivindicou a todos os servidores públicos que coñeceu ao longo da súa vida por ser un exemplo de “abnegación, traballo e sacrificio”.
Arengadas as súas propias filas, Rajoy virou o seu discurso cara ao ámbito nacional cunha mensaxe de optimismo. Se o Goberno ofrece “parálise, improvisacións ou frivolidades permanentes”, o Partido Popular, segundo o seu presidente, ofrece ilusión por “despexar a néboa da desesperanza” que se espalla por mor da situación económica. Defendeu amais que o proxecto do seu partido “non é para entusiastas, senón que aspira a representar o máis amplo conxunto das clases medias e traballadoras”.
UN PÉ NA MONCLOA
Os baróns do PP apoiaron sen fendas o discurso do seu líder. E deixaron nun segundo plano a ausencia de Aguirre e Camps. Manuel Fraga, presidente fundador do PP, cualificouno de “moi oportuno”. Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia, considerou que a intervención de Rajoy “marcará un antes e un despois de alguén que xa se ve cun pé na Moncloa”. O seu discurso, continuou o dirixente galego, é “claramente de alternativa” por parte de alguén “que sabe moi ben que está chamado a ser presidente do Goberno”. Porén, Feijóo lembrou que agora é a quenda do partido para “convencer” os españois de que a alternativa está “preparada” e “á disposición” de aqueles que avogan polo cambio político no país.
