O Goberno galego “estudará” que o sinal da TVG chegue ás áreas das provincias de Asturias, Zamora e León con poboación galegofalante, atendendo así as peticións de colectivos como Fala Ceive, do Bierzo, e de diversos concellos da zona, coma o municipio zamorano de Lubián.
No marco da súa intervención ante o Pleno do Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, comprometeuse a valorar a posibilidade de “estender” as emisións da canle autonómica a estas comarcas, nas que se cuantifican en torno a 75.000 galegofalante, como un vehículo de promoción da cultura galega no marco da “transparencia e a liberdade de información” pública.
As zonas galegofalantes nas que se recibe na actualidade o sinal da TVG corren o perigo de quedar sen ela pola implantación da Televisión Terrestre Dixital (TDT) o que segundo moitas asociacións tanto políticas como culturais desas zonas podería poñer en perigo a supervivencia da lingua a longo prazo. Na máis ampla desas zonas, na do Bierzo, o galego é materia optativa en moitos institutos, con gran acollida por parte dos alumnos.
