O Celta afúndese na clasificación tras perder ante o filial do Villarreal, por 0-2, nun partido no que os locais volveron acusar a súa alarmante falta de pegada.
O equipo de Eusebio Sancristán atopouse por primeira vez na tempada cun rival decidido a quitarlle o balón. A diferenza do que adoitan facer os equipos que visitan Balaídos, o Villarreal B non variou o seu estilo de xogo e durante varias fases do choque logrou marear aos celestes cun fútbol de toque e de moita velocidade.
No primeiro acto o intercambio foi continuo. O Celta foi o primeiro en golpear ao seu rival cun remate cruzado de Arthuro, aos cinco minutos, que a meta Juan Carlos salvou cunha gran estirada.
Pero o filial amarelo non se inmutou. Continuou tocando e tocando, sen desesperarse, e cada vez que pisaba a área local facíao con moito perigo. Excedido o primeiro cuarto de hora, só a lentitude de Montilla á hora de rematar evitou o primeiro tanto dos visitantes.
ATAQUE CELESTE
Co paso dos minutos, o Celta logrou quitarlle o balón ao seu rival e empezou a dominar o choque. Envorcou o seu xogo pola banda dereita, onde Dani Abalo converteuse nun pesadelo para o lateral Joan Oriol, pero a súa preocupante falta de pegada volveuno a condenar.
Ante o Vilarreal B, do mesmo xeito que hai unha semana contra o Betis, o Celta gozou de moitas ocasiones pero a historia volveuse repetir. Demasiados agasallos, excesivo castigo para un Celta que segue acusando o preocupante rendemento do dianteiro brasileiro Arthuro.
O exemplo máis claro da falta de pegada dos celestes é que as mellores oportunidades dos de Eusebio chegaron con lanzamentos afastados de Michu (min.27) e do central Jordi (min.44). Moi mal o vai a pasar este Celta si no mercado de decembro non se decide a fichar a un goleador que solvente as carencias ofensivas dos vigueses.
Porque no segundo tempo o conxunto galego acusou como un equipo infantil o espectacular tanto de Natxo Insa no minuto 59. Unha vaselina que arrincou os aplausos da bancada de Balaídos, pero que non serviu para nada mais.
A partir de aí o Celta desapareceu e foi un xoguete nas mans do rival. Aínda así tivo unha oportunidade para empatar, pero o internacional sub’21 Joselu, que substituira a Arthuro minutos antes, fallou no remate final. Foi a condena do seu equipo.
Un minuto despois, Hernán Pérez mataba o partido cunha xogada ao contraataque que supoñía o 0-2. Despois do encontro, a bancada de Balaídos expresou o seu enfado con seu equipo en forma de asubios. O conxunto celeste afúndese na táboa clasificatoria coa derrota de onte.
Os siareiros acudiran a Balaídos despois de que o Celta vencese ao Castellón e conseguise un importante empate ante o Betis, pero non puido refrendar neste encontro as boas sensación trasmitidas nos últimos encontros de Liga e Copa, onde eliminou ao Tenerife e pasou a octavos.
