O director Teo Manuel Abad explicou, en declaracións a Efe, que, como fenómeno social e como mercado, o sexo estaba, até hai pouco, "enterrado", aínda que dixo que moita da xente entrevistada considera que "está florecendo" e que "comezou a súa normalización" grazas ás novas tecnoloxías e aos medios de comunicación.
Salienta o director de "Sexo. Entre o ceo e a terra" que Galicia foi, durante a República, unha rexión "abandeirada" no tema do sexo, pois existían publicacións anarquistas que falaban sobre iso, pero explicou que a Guerra Civil e a posterior represión se encargaron de extinguir este certo clima de tolerancia sexual.
Abad engadiu que algúns antropólogos consultados durante a rodaxe da película salientaron que antigamente a sociedade galega "tiña moi asumido" a existencia de fillos de nais solteiras de curas, principalmente nas aldeas".
A idea de "Sexo. Entre o ceo e a terra" nace a raíz do primeiro Festival Erótico que se celebra na vila pontevedresa de Vilagarcía e co obxectivo do seu director de facer visíbel o sexo "por primeira vez en Galicia".
No seu documental Teo Manuel Abad achégase ao mundo do sexo coa intención de detectar os seus trazos diferenciadores a través dun amplo abano de voces.
Así, o director considera que a primeira edición do Festival Erótico de Vilagarcía, celebrado hai cinco anos, marcou un punto de inflexión por tratarse da primeira vez que o sexo se facía visíbel en Galicia, e "con certo orgullo de si", comentou o director.
A produción da película comezou no devandito festival e a partir de aí o director tocou todas as caras do mundo do sexo: locais de intercambio de parellas, sex-shops, videoclubs, asociacións e un amplo abano de voces, que, desde todos os ámbitos sociais e posicións ideolóxicas, ofrecen a súa particular visión do mundo do erotismo e o sexo en Galicia.
Despois de repasar as numerosas entrevistas realizadas para o seu documental, Teo M. Abad asegurou que a xente en Galicia ten hoxe "unha visión máis progresista" sobre o sexo.
"Sexo. Entre o ceo e a terra", producida por Formateo e Produtora Faro, estréase esta noite no Festival Cineuropa de Santiago de Compostela, onde o seu autor xa estivo na pasada edición presentando "Flores tristes", un relato da sanguenta represión durante a Guerra Civil.
