O departamento que dirixe María Xosé Bravo logrou reunir os esforzos de máis de 90 entidades para organizar a feira AchegArte, que esta fin de semana no Palexco e o Kiosco Alfonso será un escaparate das iniciativas culturais galegas, –literatura, danza, teatro, artes plásticas, audiovisual...– xa que a Xunta deixou sen organizar o Culturgal. Asume que os concellos teñen que facer un esforzo para que non se perdan algunhas iniciativas nos ventos da crise, pero lembra que “a Consellería ten unha responsabilidade que non pode esquivar”.
Finalmente, non se resignou a que A Coruña quedase sen feira das industrias culturais...
É unha boa nova para a cultura galega, porque había moitisima xente con ganas de que isto se celebrase. Foi un traballo de moitos, e nós non estamos aquí para liderar nada, senón para axudar a que o proxecto saia adiante. Senón pode ser como Culturgal, pois baixo esta segunda marca, para demostrar que a cultura é un sector económico importante para Galicia.
É isto unha labazada á Xunta?
A nosa idea era seguir axudando a que a Consellería de Cultura puidera facer o Culturgal, pero cancelárona. Din que por motivos económicos, pero eu no o creo... e agardo que todo este esforzo que están a facer compañías, empresas, creadores en xeral para estar na Coruña, de xeito altruísta, porque lles interesa poder estar ante o público, non se esqueza, e poidamos ter un Culturgal para o ano 2010, sexa pola súa vontade ou porque os propios sectores fagan por obrigala a que participe.
A Asociación de Editores Galegos (AGE) tenta crear unha Fundación para o Culturgal. Estará dentro a Concellería de Cultura da Coruña?
Non tiven un convite formal, pero estaremos alí onde haxa que estar. E agardo que tamén estea a Consellería de Cultura, porque é unha das súas obrigas.
E se hai un Culturgal, volverá haber AchegArte en 2010?
Non. Pode que manteñamos a marca para unha festa da cidade, pero a idea non é facer actos pequenos, senón ter unha grande feira galega da cultura.
Son máis dun cento de actos en dous días e medio. Que é o imprescindible?
Resulta complicado dicilo. Hai máis de 70 postos para mercar libros, discos, películas... Hai 10 concertos pequenos, de media hora, o sábado, e outros 13 o domingo. Estarán Luar na Lubre e Susana Seivane, presentarase o disco de Clunia, 5, e o de Berrogüetto, Kosmogonías. Pero tamén hai teatro, danza, unha escolma das mellores producións audiovisuais galegas no 2009... todo de balde, por certo. A nosa dificultade é conseguir que todos os que queren participar teñan espazo para facelo.
É a cultura unha industria economicamente rendible?
Si. Mesmo para nós é un sector moi importante, que está a crear postos de traballo para milleiros de persoas e que habería que manter e mesmo incrementar. Nel hai moita xente moza, como creadores, pero tamén como emprendedores que poñen en marcha pequenas empresas de servizos. Ademais, temos unha marca diferente, a nosa cultura non é igual que a de todas as partes e podemos vendela como propia. Somos unha potencia e temos que asumilo, coidalo e potencialo.
Cre que a Xunta é consciente?
Penso que, a parte das súas posturas políticas, teñen un profundo descoñecemento do sector. Responden con parálise a unha área económica moi activa. Desaparecen as axudas ao cinema, non sabemos que vai pasar co Centro Coreográfico... Seguir así sería gravisimo, no creativo e no económico.
Ferrol apadriñou o premio Constantino Bellón, vostedes farán o propio co Encontro de Novos Escritores... Son os Concellos os que teñen que salvar as iniciativas que a Consellería deixa?
Si, pero eu creo que a cultura non pode manterse só sobre as costas dos concellos. Insisto, a Xunta ten a obriga de axudar igual que fai con outros sectores.

