“Polémico”, “herdanza envelenada”, “disparate”, “caótico” ou, sinxelamente, “ilegal”. Son algúns dos cualificativos que o conselleiro de Industria, Javier Guerra, lle dedicou onte ao decreto co que o Goberno bipartito regulou a enerxía eólica e adxudicou provisionalmente máis de 2.300 megavatios.
No inicio da tramitación parlamentaria da nova lei coa que o Executivo galego reordenará este sector, comezando pola revogación do decreto do bipartito e das súas adxudicacións, Guerra cargou con dureza contra un reparto, do que asegura que “se o mantivesemos, as consecuencias para a Xunta poderían ser irreparables” porque considera que atentaba contra a legalidade e a “liberdade de empresa”.
Ademais de insistir na “ilegalidade” de todo o proceso impulsado dende a antiga Consellería de Innovación e Industria, o conselleiro –visiblemente tenso no transcurso de todo o debate con PSOE e BNG– non dubidou en suxerir a existencia de “intereses escuros no anterior concurso”, único xeito, di, de explicar por que á oposición “lle molesta que cumpramos o noso programa”.
Un dos puntos nos que Guerra se mostra máis belixerante é defendendo a supresión da participación pública nos beneficios dos parques, unha posibilidade que no concurso do bipartito era valorada como mérito e que, atendendo ás recomendacións do Consello Consultivo, non podería superar, en ningún caso, o 30% do total, aínda que finalmente, quedou nun 14,22 %.
Despois de que tanto o ex titular de Industria e actual voceiro económico do BNG, Fernando Blanco, coma o socialista Abel Losada, defendesen esa participación –a Xunta, lembra Blanco, xa “está, e debe estar”, como accionista en empresas do sector enerxético, coma Reganosa ou Gas Galicia e “tamén en eólicas–, Guerra insistiu en enmarcar esa posibilidade na “inseguridade xurídica” na que, di, PSOE e BNG sumiron ao sector.
Segundo o conselleiro, “a participación pública nas empresas planteouse cando o sector eólico estaba comezando, non cando hai exceso de demanda e hai que facer un concurso”. Para o voceiro nacionalista, esta explicación mostra ás claras que o PP “entende de intervención pública só cando hai perdas” pero “cando se empezan a repartir beneficios, este Goberno di que para iso xa están as empresas”.
IMPLANTACIÓN DO CANON
O conselleiro xustificou a eliminación da participación pública pola creación do denominado “canon eólico”, un tributo que, segundo a nova lei, deberán abonar as empresas concesionarias en función dos aeroxeradores que instalen en cada parque, e que oscilará entre os 2.300 euros por muíño, nos parques con entre 4 e 7, e os 5.900 euros por aeroxerador para aquelas instalacións de máis de 15 muíños.
Tamén os grupos da oposición mostraron as súas “dúbidas” sobre un canon que a Xunta “inventa para defender a súa lei”, di Fernando Blanco. Explica que “é posible que remate por repercutir nos usuarios da enerxía” ou, o que é o mesmo, “é posible que o prezo da luz suba”, partindo da base de que é “ilóxico” que as Administracións subvencionen enerxías renovables, como a eólica, e “por outro lado, as grave” cun novo tributo.
Igualmente férrea foi a defensa, por parte de Guerra, do denominado Fondo de Compensación Medioambiental, co que a Xunta –non a través de Industria, senón de Presidencia– distribuirá entre os concellos afectados polos parques os fondos recadados mediante o canon.
Mentres que Guerra se mostra convencido de que este fondo “garante o retorno aos cidadáns” de parte do beneficio que as empresas obteñen, o socialista Abel Losada observa “intereses espúreos” tras un reparto que, a través “do comisario político, o conselleiro de Presidencia”, di, é “proclive a todo tipo de manipulación política, replicando no ámbito eólico o baltarismo –en referencia ao presidente da Deputación de Ourense–.
