O Teatro Principal de Compostela converteuse onte na plataforma de despegue da película Os Crebinsky, filme dirixido por Enrique Otero e que está interpretado por Luís Tosar, Miguel de Lira e Celso Bugallo, entre outros. A concelleira de Cultura de Santiago, Socorro García, sinalou que esta cinta “é a película galega máis esperada do ano”. Realmente, a edil compostelá acertou ao definila con estas verbas, xa que a súa estrea completa é tan agardada que non se producirá até o ano 2010. Pero o camiño que percorrerá esta cinta arrancou onte en Cineuropa co espectáculo A noite dos Crebinsky, no que o público asistente puido gozar coa mostra dos primeiros vinte minutos do filme, o making off da mesma e a actuación en vivo da Banda Crebinsky.
O actor Miguel de Lira explicou que a película non se presenta integramente en Cineuropa porque buscan “participar en certames de tipo A, como Berlín ou mesmo Cannes, e alí piden exclusividade”. Pola súa banda, Enrique Otero confesou que “non presentar en Cineuropa, lugar natural para esta película, supuxo un gran esforzo”.
A historia é “unha road movie, mesmo unha vaca movie”, en verbas de Miguel de Lira, que reflicte as andainas, durante a Segunda Guerra Mundial, dos irmáns Crebinsky, fillos dunha galega e dun ruso que naufraga na costa da comunidade. Para narrar esta historia, recorreuse a catro idiomas: galego, castelán, inglés e alemán. “Así, cando os Crebinsky se cruzan coas personaxes nazis, estes falan alemán ou cando se atopan con Luís Tosar, que interpreta un militar norteamericano, este fala en inglés”, sinala Enrique Otero.
Cineuropa converteuse deste xeito na primeira parada do que será o Tour Crebinsky que, segundo De Lira, “buscará achegar, durante todo o 2010, a película ás grandes salas de Galicia e logo ás localidades onde xa non hai cines, para que todos poidan ver a película”.
