O Ciclo Importa segue coa súa proposta de traer a Galicia artistas interesantes, sexa o estilo que sexa. Esta vez a sala Capitol recibirá por primeira vez en Galicia unha das voces máis recoñecibles da música inglesa de finais do noventa. Tras case dez anos á fronte de Morcheeba xunto aos irmáns Godfrey, un grupo que chegou a vender máis de seis millóns de discos e a tocar por todo o planeta, Skye Edwards iniciou a súa carreira en solitario buscando novos sons e sensacións.
En 2006 grava en Los Angeles o seu álbum de debut, Mind how you go, que inclúe o single ‘Love Show’ e que recibe boas críticas de prensa e público. Na súa nova etapa en solitario segue a cativar cun son que continúa as referencias de Morcheeba: electrónica, trip hop, downbeat, son moitas as influencias e as etiquetas para a súa música, pero o máis importante de todo é a súa gran voz, cálida e elegante. Melodías tranquilas e letras sen excesivas pretensións conforman un traballo compacto e delicioso.
Agora, Skye realiza unha breve xira por España, de tan só catro concertos, e un deles poderase ver mañá en Santiago. Unha exclusiva xira de catro datas en España, acompañada da súa propia banda na que repasará as súas cancións en solitario e algún dos clásicos de Morcheeba. Xunto a ela, para abrir ambiente, estará Anni B Sweet, a cantautora folk pop Ana López (Málaga, 1988), que veu sumando sen cesar afiliados ao seu club de fans desde que colgou algunhas cancións en MySpace, e agora que ten disco oficial a súa fama só debería estalar do todo.
Anni B Sweet vénse sumar a esa pequena nómina de artistas indies nacionais cuxa música pode chegar, afectar, a un público amplo, indie e non indie. En Madrid gravou unha maqueta con Brian Hunt (exRussian Red, Templeton, Half Foot Outside) e Javier Doria (The Melocotons) e o resto veu só: vitoria no concurso de maquetas de Arindelle Records e EGO e mellor maqueta do 2008 para Mondo Sonoro.
