Cando a Xunta acordou, a cultura seguía alí

Miles de persoas acoden á estrea de AchegArte, a feira das industrias culturais que ‘abandonou’ o Goberno
Iago Martínez Actualizado 04/12/2009 - 01:31 h.
4 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 32 voto/s

Contra o que di certo tópico interesado, as industrias culturais galegas seguen aí cando a Consellaría de Cultura pecha os ollos. Onte á tarde, mentres o conselleiro Roberto Varela receitaba en Ferrol fregas de “afán didáctico”, exercicios de “creatividade na comunicación”, masaxes de “calidade” e curas de “excelencia” para fomentar o consumo de cultura galega, miles de persoas –20.000, segundo a organización– metían o fociño neses mesmos produtos culturais nos dous espazos dedicados á feira AchegArte na Coruña: o Pazo de Exposicións e Congresos (Palexco) e o Kiosco Alfonso. Un foro, o único dedicado ás industriais culturais en Galicia, que o departamento de Varela non apoiou economicamente este ano.

“Mellor sen a Xunta”, dicía un antes de sentar diante de varias ducias de persoas no recanto da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) para lerlles uns fragmentos d’O carteiro de Bagdad, o libro co que Marcos S. Calveiro gañou os premios Ala Delta e White Ravens. Cun presuposto dez veces máis modesto, uns 50.000 euros, e o traballo desinteresado dunha presada de voluntarios, a Concellería de Cultura da Coruña conseguíu nun tempo récord cubrir o oco que deixou a Xunta ao non reeditar Culturgal este ano. “Alguén notou a diferenza?”, preguntábase o lector.

Algo máis dun cento de entidades entre editoriais, compañías de danza e teatro, produtoras, ONG, librarías, institucións públicas, asociacións profesionais, discográficas e colectivos de todo tipo responderon ao chamado de AchegArte. Un testemuño que a Concellería de Cultura, pola súa vez, recollera de mans de Queremos Culturgal 09, unha plataforma cidadá que non parecía disposta a deixar que as aperturas orzamentarias da Xunta privasen os axentes culturais galegos deste espazo onde verse, falarse e atoparse co seu público, como dixo onte o editor vigués Manuel Bragado.

 

UN ÉXITO DENDE ABAIXO

Algo desa satisfacción por ter armado un encontro así “dende abaixo”, por dicilo co poeta e narrador Mario Regueira, tamén entre o público, podíase constatar onte en Palexco. Para a concelleira de Cultura da Coruña, María Xosé Bravo, exultante a pé de obra, na entrada do recinto, a convocatoria foi un “éxito”, e demostra que “a cidade da Coruña responde á cultura galega cando é necesario e que o público acode se a oferta é diversa”. Moito máis grave, pero tamén satisfeito, o presidente do gremio dos escritores, Cesáreo Sánchez Iglesias, enviáballe unha mensaxe á Xunta: “Algo que foi construído ao longo de xeracións, como é a cultura galega, vai ter fortaleza suficiente para sobrevivir ao proxecto de destrución do novo Goberno”.

A primeira xornada de AchegArte abrírana ben cedo, ás dez e media, obradoiros de pintura, proxeccións de documentais e espectáculos de teatro e danza para todos os públicos, e pecharíana, ás nove, os membros de Luar na Lubre. Polo medio, concertos de Mamá Cabra, Tiruleque ou Canto Donaire. Representacións de Talía Teatro e A Loca-Motora ou trucos de maxia. Filmes de Xosé Abad, Jorge Algora, José Manuel Bazarra Sepi ou Jorge Morais. Obradoiros de banda deseñada, teatro xestual, ilustración e música tradicional. E presentacións de xornadas, espectáculos, iniciativas e libros como o último de Manuel Rivas, Episodios galegos (Xerais), que ateigou a sala Bitácora do recinto con ducias de persoas.

 

CASE UN ACADÉMICO

Era o sitio. Presentábase o libro número vinte de Rivas na editorial Xerais, unha colección dos artigos que o escritor coruñés publica habitualmente en El País e que vén a ser, tamén, unha crónica dos primeiros oito meses de Núñez Feijóo como presidente da Xunta. Un inventario de ataques á lingua galega e unha fotografía da reacción, inédita, da cidadanía. Un catálogo de pancadas ao medio ambiente e ás industrias culturais, pero tamén un sarillo de homenaxes a Ferrín, Líster, Taxes, Berger ou Pombal. “O relato do proceso de substitución daquel esforzo compartido de facer país que caracterizou, con todos os matices que se queiran, o bipartito”, por dicilo con Manuel Bragado, o seu editor.

Son, co permiso de Galdós, os episodios galegos dun deses periodos históricos “que non se sabe se van ou se rachan”, explicou Xosé Manuel Pereiro, o decano dos xornalistas, “pero que en todo caso deben ser contados”. Son, coa complicidade de Cantinflas, chanceou Rivas, ensaios xornalísticos sobre “un deses momentos moi momentáneos” da historia nos que o poder fura no miolo do asunto. Nos que se decide a andamiaxe financeira dun país ou o futuro dunha lingua. “Empezan pola palabra e logo van polo demais”, advertiu o escritor, que dentro de dúas semanas lerá o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega. “Os obxectivos son sempre os mesmos: o territorio e os seus froitos”.

Hoxe, de novo a partir das dez e media da mañá, AchegArte encara a súa segunda e última xornada. Ha ser difícil superar as 100.000 persoas do ano pasado no derradeiro Culturgal, pero ninguén oculta que as cifras globais de público, as que sexan, serán unha mensaxe para a Consellaría de Cultura. “Hai que ter coidado”, bromeou Pereiro. “Se facemos nós estas cousas que lles corresponden a eles, os políticos poden coller vicio. Con todo, está ben demostrarlles de cando en vez que a xente o fai mellor ca eles”.

Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad
1
Anxela Bugallo
Antón Martinez
2009-11-29 13:16:54
Falar do CulturGal sen falar de Anxela Bugallo paréceme unha virguería.Stalin tamén borraba das fotos a quen non lle interesaba.....
2
facer vudú
José castro
2009-11-29 12:28:39
Mentres Roberto Varela, un dos dous 'consejeros de aculturación', estaba en Ferrol dicindo xeneralidades baleiras de contido e parvadas varias... Adiviñade onde estaba o outro deconstrutor de Galicia (Xesús Vázquez)? Pois, sí. Estaba no Palexco, no mesmo predio onde milleiros de persoas celebraban Achegarte. Evidentemente, despois de entregar uns diplomas dunha universidade privada coruñesa de pésima reputación, fuxiu do lugar. Por que saiu pitando do recinto? eu atopo duas explicacións e en ningunha das dúas este personaxe queda en bo lugar. A primeira que se me ocorre e que o que alí pasaba non lle interesaba nada, conclusión á que todos podemos chegar vendo os seus antecedentes de desprezo cara a nosa cultura. A segunda explicación, un pouco máis revirada, é a de que este home colleu pánico, sentiuse raro, estrano, incómodo, entre xente rara, entre inimigos. Eu coido que esta xente séntese en Galicia como aquelas autoridades coloniais, que incapaces de entender as culturas aborixes, encerrábanse nos seus palacios e rexeitaban todo contacto coa poboación indíxena, mentres esquilmaban as súas terras e explotaban á súa poboación. Esto é o que hai que aturar nos vindeiros anos, eles a xogar ao criket, nos a seguir facendo vudú.
3
Pregúntalle a Bragado
Xulián
2009-11-29 08:49:53
Son membro dunha editorial e a mín convidóuseme como a todos os membros da Asociación Galega de Editores a participar cun stand de xeito gratuíto. Así que se queres saber por que non está Xerais, pregúntalle a Manuel Bragado e que che de el as explicacións. Si, lamentable que non participe, Sr. Bragado, lamentable
4
Onde estaba Xerais?
Guillerme
2009-11-29 02:25:22
Primeiro cómpre felicitar á Concellaría de Cultura de Coruña e ás persoas de Queremos Culturgal polo seu enorme e exitoso esforzo. Parabéns. Parabéns tamén a todas as empresas e artistas que se achegaron ao AchegARTE. Mais non se pode deixar de sinalar a chirriante ausencia de Xerais, que por moito que presentase libro de Rivas, non estaba na feira como empresa, con stand, ao contrario que Galaxia, Espiral Maior, A Nosa Terra, Positivas, Cumio, ... Inexplicable tendo en conta que é o buque insignia da edición galega, e desconcertante ata non saber os motivos.

Título:
Comentario:
Nombre:
Email: (no se visualizará)
Introduce la palabra de la imagen
Código de verificación para prevenir envíos automáticos.
kaptcha
Identificarse con:
  

Esta página publica todo tipo de opiniones, réplicas y sugerencias de interés general, siempre que sean respetuosas hacia las personas e intituciones.
Se aconseja un máximo de 15 líneas, que podrán ser extractadas por nuestra Redacción.
Los autores deben hacer constar: nombre y apellidos, y e-mail.
Aquellos textos que no se ajusten a estos criterios podrán ser retirados de la web.