Calquera que entre na web da SGAE pode comprobar quen é o propietario de millóns de temas que pertencen aos seus asociados. Hai de todo, incluídas cancións tradicionais como O Miudiño.
En todos os temas especifícase a cantidade de porcentaxe que cobraría cada un dos autores dun tema, no que se inclúen editoriais en moitas ocasións. A lista é enorme, dificilmente abarcable, xa que inclúe cancións de case 100.000 artistas.
O control para repartir os beneficios entre os autores é total. Galicia, cunha morea de orquestras que tocan por todo o país, é un bo exemplo. É a comunidade de España que máis recada por festas populares.
UNHA PORCENTAXE DO PRESUPOSTO
O método empregado nas verbenas é sempre o mesmo. Desde hai anos. Así, as orquestras galegas teñen que especificar nun listado o seu repertorio de verán e inverno. Logo, a SGAE pásalle a factura ao organizador da festa, ben sexa a comisión de festas ou o concerto correspondente.
A cantidade é un 7% do orzamento destinado á contratación dos artistas. Logo, é a entidade de xestión a que se encarga de repartir os cartos entre os diferentes autores que estaban incluídos no repertorio requirido.
“Necesitámolo para saber a quen lle temos que dar os cartos; ao fin e ao cabo, eles son os que fixeron as cancións que logo empregan os grupos por todo o mundo”, aseguran fontes da SGAE.
E como cobran os autores? Moi doado. Cada un deles recibe periodicamente un sobre na súa casa onde se especifica onde foron empregadas as súas obras e a tarifa a pagar. Na súa conta corrente, ingrésase o que lle corresponde.
A SGAE emprega as orquestras para xutificar o positivo dun método de cobro que evita que moitos autores queden sen ver un peso. Unha fonte que coñece de preto este mundo, lembra o caso dun compositor galego que fixo unha canción que triunfou a través dun cantante de Operación Triunfo. “Centos de orquestras tocaron o mesmo tema durante meses e este autor non cobraba nada ata que a SGAE interviu”, asegura. É o exemplo doutros moitos compositores.
“O problema aquí é que a xente paga por algo intanxible e iso é moitas veces difícil de explicar; ninguén se pregunta por que ten que pagar a luz, pero todos os autores teñen un dereito”, sentencia a SGAE.
