"É sorprendente como Maruja Mallo podía combinar a paciencia franciscana de traballar na cociña do seu taller artístico co pulso creativo da vangarda. Esa dualidade creativa era o que marcaba a súa vida”, di Antón Reixa, director do filme Maruja Mallo, mitad ángel, mitad marisco, que conta co guión de Antón Patiño e que foi presentado onte en Vigo, xunto ao catálogo da exposición que Caixa Galicia lle dedica á máis importante artista plástica galega do século XX.
O título do filme é unha cita coa que Salvador Dalí describiu Maruja Mallo e que para Reixa representa perfectamente esa personalidade de contraste que a pintora converteu no seu alento vital. Ademais de ser unha das poucas pintoras capaces de conxugar “o espírito rompedor das vangardas coa dedicación e a perfección técnica”, era tamén unha persoa moi extrovertida e “socialmente expansiva, pero ao tempo enormemente reservada coa súa vida social”, di Reixa. Unha frase que aparece no documental en boca da propia Maruja é que “a soidade é o maior patrimonio do ser humano”.
Tomando como alicerce estas contradicións na súa personalidade, Mitad ángel, mitad marisco fai un repaso pola biografía desta lucense que non parou de viaxar nin sequera na súa infancia –Estivo en Corcubión, Madrid, Ávila, Bos Aires, Nova York...–, e analízaa a través de testemuños de varios expertos e investigadores.
Dan a súa opinión no filme xente como como Juan Manuel Bonet, escritor e crítico de arte; Juan Perez deAyala e Fernando Huici, comisarios da mostra de Caixa Galicia; Maria Escribano, experta en mulleres pintoras; Carlos Nuevo, autor da última e máis exacta biografía de Maruja; ou Carme Vidal, autora do libro Maruxa Mallo, editado por A Nosa Terra. Cos seus relatos, van enchendo o guión de Patiño e debuxando a figura da pintora.
ESCURECIDA POLA CONDICIÓN DE MULLER
Reixa coincide con moitos dos que estudaron a Maruja Mallo en que o seu talento estivo “escurecido pola súa condición de muller”. Di o director que era “un talento brillante nun mundo de homes, creadora dunha obra extensísima e tremendamente moderna en todas as súas fases”, pero da que se ten destacado moito máis a extravagancia da súa personalidade que o seu xenio pictórico, que a levou a ser a segunda artista española –despois de Picasso– en ter unha mostra en París.
“Maruja Mallo tiña tamén, segundo din, unhas dotes de sedutora moi ben desenvolvidas, e iso á larga non lle fixo ningún ben”, engade Reixa. Foi amante de Rafael Alberti e de Miguel Hernández, o que marcou profundamente, mantivo amizade con Dalí e Lorca, e antipatía recíproca con Luis Buñuel, quen non entendeu o seu precoz feminismo. Estas relacións coa xeración do 27, que tamén se recollen no documental, foron as que a marcaron para a posteridade, por enriba da súa obra, unha inxustiza que neste ano moitos artistas e estudosos están intentando reparar neste ano.

