Tal día como hoxe, hai trinta anos, as principais cidades de Galicia acolleron unhas multitudinarias manifestacións que a maioría dos analistas cualifican de “nacionais” e nas que se reivindicou un Estatuto á altura de Euskadi e Cataluña, ou sexa de nacionalidade, moi lonxe da “aldraxe” que intentaba colar Madrid. Pasadas tres décadas e co Estatut catalán no centro do debate, Galicia volve verse ante a necesidade de renovar o seu principal texto legal para seguir na primeira división do autogoberno. Pero hai moitas diferencias con respecto a aquela época.
PARTIDOS POLÍTICOS
Comparar a clase política actual e a de hai trinta anos é xa un tópico do que case nunca saen favorecidos os primeiros. Hai matices no caso galego, pero dende logo ninguén pode dubidar de que a clave de país era moito máis maioritaria entre os dirixentes da transición, sobre todo no que ten que ver coas forzas de carácter estatal e no centro e a dereita. Que Alianza Popular chegase a asinar o recoñecemento nacional de Galicia no logo fracasado Estatuto dos 16 supón un dato o suficientemente revelador tendo en conta a alerxia á identidade galega que se percibe agora nalgúns líderes do PP.
AMBIENTE ESTATAL
España vivía a finais dos anos 70 unha época moi conflitiva –contra a imaxe que se quere dar, a transición non foi só diálogo, estivo acompañada de moita violencia política que se plasmou tamén no resultado final– pero eran tempos de descubrimento e ansia por facer cousas novas. Tras anos de centralismo abafante, tocaba recoñecer a diversidade do Estado, o que provocou reaccións de caverna parecidas ás da actualidade, pero máis illadas, xa que a maioría progresista non renunciara aos propósitos federalistas, algo que agora presenta máis dúbidas en moitos casos, sobre todo á hora de facer chegar esa idea á poboación española.
SOCIEDADE
O horizonte que se abriu na segunda metade dos setenta a todos os niveis tamén reflectiu na sociedade galega, que mostrou unha viveza e unha enorme capacidade reivindicativa na defensa dos seus dereitos históricos. Na actualidade, nun ambiente global moito menos mobilizado e nalgúns casos máis infantil, aquel pulo semella minguado, para nada desaparecido pero si reducido, tamén porque a faceta didáctica das institucións semella ter dimitido.
PLURALIDADE
Na actualidade e no básico, o panorama político galego está reducido a tres forzas. Hai trinta anos, ata case unha decena tiñan unha influencia real nos procesos que se estaban a construír. Seguramente, aquela era unha densidade excesiva e algo artificial, pero tamén hai quen opina que no presente as fidelidades e obrigas organizativas imposibilitan os necesarios matices.
OPINIÓN PÚBLICA
Con dignas excepcións, a maioría da opinión pública –mellor dito, os que dirixen esa opinión en determinados foros de longo alcance– prefiren asumir postulados que as máis das veces son localistas, sen que teña tanta presenza a posta en valor de país. Hai trinta anos, en medio das mobilizacións “contra a aldraxe”, La Voz de Galicia titulou: “Hoy, jornada en defensa de la dignidad nacional de Galicia”. O uso do termo “nacional” para referirse a Galicia nese mesmo medio parece máis que improbable na actualidade.
