Galicia e, moi especialmente, as comarcas fronteirizas con Portugal, están a piques de percibir a que, probablemente, sexa a repercusión máis palpable da pertenza á Unión Europea dende a chegada, no ano 2002, da moeda común.
A piques de cumprirse os prazos ditados pola Eurocámara, o Consello da Xunta deu onte luz verde á denominada Lei Ómnibus ou, isto é, á adaptación de 24 normas autonómicas á Directiva Europea de Servizos, aprobada por Bruxelas en 2006 e que ten como obxectivo primordial a “creación dun auténtico mercado interior de servizos” no conxunto da Unión no horizonte do vindeiro ano 2010.
Aínda que, coma o groso da lexislación comunitaria, o texto da anteriormente coñecida como Directiva Bolkenstein regula aspectos, a priori, moi xerais, a modificación legal iniciada onte polo Goberno galego terá repercusións case inmediatas na actividade económica da comunidade dende a súa entrada en vigor, a comezos do próximo ano.
sen fronteiras
Despois de que a UE establecese a liberdade de circulación para as persoas e os capitais –esencialmente, coa implantación do euro–, a Lei Ómnibus suporá unha operación semellante para o sector servizos ou, o que é o mesmo, para o sector que xera dous terzos da riqueza do continente europeo.
No caso galego, a súa repercusión máis tanxible chegará ao sur da comunidade onde esta norma permitirá a prestación de servizos por parte de empresas portuguesas sen necesidade de adaptárense á lexislación española. Así, por exemplo, profesionais autónomos coma fontaneiros ou electricistas do país veciño poderán ser contratados na cidade de Vigo e aplicar alí as súas propias tarifas e as condicións laborais vixentes en Portugal.
Esta circulación de servizos a ambas beiras do Miño, coa que a UE pretende tamén estimular a “competencia”, permitirá tamén, por exemplo, que centros comerciais ou supermercados portugueses se establezan en Galicia contratando empregados da comunidade, pero contratándoos no seu propio país. Os Gobernos español e galego só poderán impoñer limitacións, explica o Parlamento Europeo, no caso de que se produzan “discriminacións” ou se a súa intervención é necesaria para garantir a “orde pública, a saúde pública ou a protección do medio ambiente”.
MENOR BUROCRACIA
Durante a presentación ante os medios destas modificacións lexislativas, o conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda –encargado onte de dirixir o Consello da Xunta, en ausencia do presidente, Alberto Núñez Feijóo, de viaxe oficial en Sudamérica– fixo especial fincapé no que a Directiva europea denomina “eliminación de obstáculos xurídicos e administrativos” á hora de iniciar unha actividade no sector servizos.
As principais premisas, salienta Rueda, pasan por “reducir a burocracia e minimizar a intervención da Administración” co obxectivo de “potenciar a iniciativa emprendedora”. Na vertente práctica, a adaptación de Galicia á norma europea suporá unha drástica redución dos trámites previos a, por exemplo, a apertura dun local comercial ou á creación dunha empresa xa que, subliña o conselleiro, estas “autorizacións” serán “substituídas por comunicacións e comprobacións posteriores” por parte da Xunta.
Así as cousas, mentres que na actualidade un interesado en constituír unha pequena empresa, coa forma xurídica de sociedade limitada, debe realizar trámites administrativos –coma petición de licenzas ou certificacións notariais– durante case un mes, a Directiva Europea de Servizos permitirá iniciar a actividade en apenas vintecatro horas e, posteriormente, a Administración autonómica deberá comprobar que o novo negocio cumpre todas as normas.
Do mesmo xeito, a adaptación da Xunta á normativa da UE esixe que a Xunta pise o acelerador en materia de novas tecnoloxías, xa que o mandato da Eurocámara inclúe a “obriga de posibilitar a realización por vía electrónica” de todos os trámites.
Así e todo, a fin das fronteiras para a prestación de servizos no conxunto da Unión e, nomeadamente, entre Galicia e Portugal, non chegará a sectores especialmente sensibles. É o caso, por exemplo, dos servizos financeiros, o traballo temporal, o transporte entre ambas marxes da fronteira, a sanidade privada, os servizos de seguridade, o audiovisual ou a a actividade desenvolvida por notarios.
