As palabras do portavoz do PPdeG, Antonio Rodríguez Miranda, nas que denunciaba a existencia de “chamadas ameazantes por parte de traballadores do Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar presuntamente ligados ao BNG”a familiares de usuarios de centros de día non sentaron nada ben entre os empregados deste organismo público. Tanto malestar causaron que os traballadores están estudando emprender accións legais contra o político popular. Laura Estévez, membro do comité de empresa das oficinas de Igualdade e Benestar, manifestou onte que “aínda que este mes de decembro temos moito que facer e estamos planeando levar a cabo un gran número de concentracións, estamos estudando presentar unha querela como xa fixemos con Susana López Abella”. A secretaria xeral de Familia e Benestar foi a primeira en atacar de forma persoal aos empregrados das oficinas de I+B ao manifestar en sede parlamentaria que se trataba “de enchufados do Bloque”.
“Eu son militante do BNG dende o anos 70 e nunca o escondín. Por iso podo dicir de forma moi segura que en toda a provincia de Lugo hai unicamente tres militantes do Bloque que traballan no Consorcio”, asegura unha empregada dun centro de día no concello de O Corgo que prefire manter o anonimato e que cando escoitou as declaracións de Rodríguez Miranda pensou en presentar “unha denuncia a título persoal”. “Non o fixen porque me sairía moi caro pero a verdade é que non é para menos”, di tallante.
Segundo onte explicaron a Xornal de Galicia varios empregados do Consorcio “as chamadas ameazantes” ás que fixo alusión o deputado conservador non son máis que “unha recollida de firmas a favor dun servizos sociais públicos de calidade”. “A recollida de sinaturas comenzou a semana pasada logo de que o xerente do Consorcio informase da intención de privatizar catorce centros de día”, explican. “Para nada houbo ningún tipo de ameaza. O que din dende o PP é moi grave, de feito, en varios centros de día moitos anciáns que teñen uso de razón querían que os seus familiares asinaran porque están preocupados”, explican.
A pesar do que asegura o persoal do Consorcio, o portavoz do PP amosaba esta semana unha visión ben distinta: “Están levando a cabo unha campaña nauseabunda baseada en meter medo aos familiares de persoas que necesitan axuda da Xunta a pesar de falsedades e manipulacións interesadas”.
Mentres tanto, a intención da xerencia do Consorcio de privatizar 14 centros de día argumentando que “non hai fondos” para sacalos adiante segue en marcha. “Onte todos os centros de día recibimos unha comunicación na se que se nos informaba de que nos primeiros meses do 2010 estes centros serían xestionados por unha empresa axena ao Consorcio por medio dunha cesión administrativa”, explican membros do persoal.
Neste momento, a Consellería de Traballo e Benestar que dirixe Beatriz Mato ten varias frontes abertas a respecto da xestión dos servizos sociais públicos.
Á preocupación de traballadores e concellos polo anuncio da pretendida privatización destes catorce centros de día, únese á situación que viven 61 traballadores das oficinas de Igualdade e Benestar que serán despedidos a finais deste mes por non estar os seus plans reflexados nos orzamentos. Por ese motivo no día de onte varias decenas de traballadores concentráronse diante da oficina central do Consorcio en Compostela.
Neste contexto, o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, reivindicou o mantemento dos postos de traballo e asegurou que o anuncio da privatización dos centros de día “supón unha involución”. “Galiza estaba á cola do Estado en cobertura de servizos públicos e das prestacións que recibían os colectivos máis desfavorecidos da nosa sociedade e foi grazas a esta rede pública polo que se conseguiron incrementar os niveis de benestar de galegos e galegas”, dixo o sindicalista, quen asegurou que “Feijóo está impoñendo as súas receitas neoliberais a custo dos usuarios destes servizos, que non poden estar xestionados en función da obtención de beneficios, senón en función da necesidade dos usuarios, que serán os máis prexudicados”.
