PSOE e ERC discrepan sobre se só os colexios públicos ou tamén os privados se verán afectados pola retirada dos crucifixos que aprobou o Congreso hai dous días co apoio de ambos partidos. Así, os cataláns queren eliminalos en todas as escolas e os socialistas difiren no caso das institucións privadas. Por outra parte, Zapatero sinalou onte que a supresión dos símbolos relxiosos non está na axenda do Goberno e que terá que agardar a que se aprobe a Lei de Liberdade Relixiosa.
O PP, porén, opinan que a proposta é un intento do Executivo de distraer á sociedade. Escolas Católicas xa advertiu de que recorrerá esta medida.
O presidente da Conferencia Episcopal, Antonio María Rouco Varela, cualificou de “moi triste” a proposición non de lei e espera que “quede aí e non vaia máis aló”, mentres o promotor da iniciativa orixinal, o deputado de ERC Joan Tardá considerou que os membros da Comisión de Educación que votaron a favor eran “moi conscientes” de que se falaba “de todos os centros”. Con todo, o parlamentario socialista Luis Tomás non quixo anticipar se será de aplicación tamén aos privados. Tamén o ministro de Xustiza, Francisco Caamaño, salientou que as institucións relixiosas teñen “diferenzas no réxime xurídico comos pode ser a dos símbolos relixiosos”.
Ademais, indicou que o Goberno “estudará” a sentenza do Tribunal de Estrasburgo da que é froito a proposición non de lei aprobada no Congreso para “incorporala” á Lei de Liberdade Relixiosa, coa que se buscará “o máximo consenso”.
DISENSIÓN ENTRE OS PAIS
Os colectivos de pais tamén se atopan divididos. Dende as filas católicas, tanto a Federación Española de Relixiosos do Ensino (FERE), como a Confederación de Familias e Pais de Alumnos (Cofapa), entre outros colectivos, arremeteron contra a medida.
O PP e outras formacións conservadoras como CiU apelaron á tradición para defender o mantemento destes signos na escola pública. Dentro das filas do PP, o deputado Esteban González Pons defendeu que os españois e os europeos teñen “unha tradición máis aló do feito relixioso” e que, se renuncia a ela, “non quedará nada”, mentres a secretaria xeral da formación, María Dores de Cospedal, se preguntou se o PSOE tamén vai prohibir os beléns e as cabalgatas de Reis Magos, agora que chega o Nadal, e se se vai seguir celebrando esta data.
