O Valedor do Pobo, Benigno López, asegurou onte que na actualidade o “clima de crispación” lingüístico “está rebaixado” en Galicia e defendeu a liberdade de elección da lingua. Así mesmo, nunha entrevista na Radio Galega, resaltou que “en poucas ocasións como nos últimos anos se potenciou tanto” o galego. “Se logo a xente na rúa non o usa haberá que buscar as razóns”, afirmou e engadiu que “non é culpa do Valedor” senón de “múltiples factores”.
López explicou que “hoxe hai máis tranquilidade na rúa” en canto a convivencia lingüística e recordou que, dende dous meses antes das eleccións autonómicas, “se apreciou un descenso importante” do número de queixas relacionadas con este tema. López recalcou que o conflito lingüístico “existiu sempre” porque as forzas políticas “teñen que defender as súas posturas”. “E ten que existir porque as partes manteñen posturas enfrontadas”, apostilou.
MÁIS QUEIXAS
Así mesmo, López destacou a “tendencia alcista” do número de queixas presentadas na institución que dirixe. En 2008 rexistráronse 2.558, unhas 300 máis que en 2007, e estimou que a finais deste ano se pechará o exercicio con “entre 2.600 e 2.700”, por mor da crise. Os atrasos no abono de prestacións da Lei de dependencia e da posta en marcha de iniciativas; reclamacións sobre concellos; e as demoras na Administración de Xustiza, son as principais reclamacións.

