As coñecidas como casas baratas de Ferrol, no barrio de Recimil, terán que pintarse só de verde na súa fachada exterior, aínda que manterán as tonalidades vermellas, ocres e alaranxadas nas fachadas interiores. A medida foi aceptada pola Concellería de Urbanismo, por orde da dirección xeral de Patrimonio da Xunta, xa que o barrio está catalogado debido ao seu valor urbanístico.
A decisión adoptada chega despois de que o Partido Popular de Ferrol denunciase ante Patrimonio que o pintado iniciado polo goberno municipal con fondos do Plan E podía desentoar coa catalogación do barrio. A reforma das fachadas xa se comezara a efectuar, pero a Concellaría de Urbanismo tivo que paralizar os traballos, á espera de negociar con Patrimonio.
Segundo afirmou onte o edil de Urbanismo do Concello de Ferrol, Ángel Mato, a decisión de pintar as fachadas exteriores de verde adoptouse tras manter ata cinco reunións con Patrimonio. Na parte interior, esta cor alternará con outros tons. Os traballos coa pintura rematarán en marzo, segundo Mato, tres meses despois do previsto.
