A fotografía é do verán de 1930. Foi tomada na Illa de Arousa, de camiño á illa da Rúa, durante unha excursión na que se xuntaron ilustres representantes da medicina e da historia galega. Na imaxe reúnense as familias Nóvoa Santos, Varela Radío, Rodríguez Castelao e Baltar Cortés, quen cedeu a este diario o documento.
Falta Castelao, pero está seu pai, Mariano Rodríguez Dios, mariñeiro dedicado a facer velas e patrón de pesca. Xunto a el, José Benito Fariña, histórico e admirado párroco de Rianxo, que conseguiu o indulto para ducias de paisanos durante a Guerra Civil.
Para os Baltar, os Castelao eran máis que familia. A relación entre o pai do ilustre galeguista e o avó do actual herdeiro da casa, Xabier Baltar, era especial. “Eran como irmáns”, lembran.
Todos posaron en Punta Cabalo, un pequeno recuncho da Illa de Arousa. Alí estaba Ángel Baltar Cortés, o avó do dono da casa de Castelao, prestixioso médico padronés, cirurxián de diversas especialidades, primeiro licenciado en Farmacia na Facultade de Santiago, en 1861, e antigo alcalde da súa vila natal. “Un adiantado ao seu tempo”, din as biografías.
PROFESORES, POLÍTICOS E MÉDICOS
Foi Antonio Baltar, fillo deste, o que máis fomentou a amizade coa familia Castelao e a de Dieste, casando cunha sobriña deste último, que tamén aparece na fotografía, aínda que daquela tan só moceaban. Dedicouse tamén á medicina e chegou a organizar o Laboratorio de Anatomía Patolóxica do Centro Gallego de Bos Aires.
Non faltou nin Roberto Nóvoa Santos, prestixioso médico, político e escritor coruñés, licenciado pola Universidade de Santiago e elixido parlamentario pola súa provincia poucos anos despois desta excursión, celebrada medio ano antes da caída da monarquía.
E é precisamente Nóvoa Santos quen explica a presenza tamén na fotografía das xemelgas Elisa e Jimena Fernández de la Vega, tías da actual vicepresidenta do Goberno español, María Teresa Fernández de la Vega.
Estas dúas médicas e investigadoras, fillas dun doutor liberal de Lugo, foron discípulas de Roberto Nóvoa Santos, con quen se iniciarían nos Laboratorios e na Clínica de Patoloxías Xeral. De aí en diante todo foi heroicidade para dúas mulleres da súa época. Foron as primeiras matriculadas na Universidade de Santiago, as primeiras en licenciarse en Medicina e as primeiras en exercer a profesión en Galicia e Asturias, recibindo ademais a Gran Cruz de Alfonso XII polos seus méritos académicos.
Foi o seu padriño Roberto Nóvoa Santos o que facilitou que ambas as dúas irmás ampliasen a súa formación, que se estendeu por boa parte de Europa. O seu apelido, agora vencellado á vicepresidenta do Goberno, é toda unha institución no mundo da medicina, na que tamén exerceu Castelao, que decidiu tirar pola vía artística e política.
Malia todo, a familia de Castelao sempre mantivo relación co mundo da medicina e cos máis importantes persoeiros deste ámbito en Galicia. A propia irmá do galeguista aparece tamén nesta fotografía histórica, xunto a familiares de Nóvoa Santos e de Baltar Cortés, pero tamén de Manuel Varela Radío, outro ilustre doutor, catedrático e profesor de instituto. Exiliado, como moitos dos anteriormente nomeados, exerceu como deputado por Pontevedra coa Federación Republicana Gallega nas Cortes Constituíntes.
Todos compartían con Castelao o ideal republicano e galeguista que logo desenvolverían durante anos. Como Nóvoa Santos e o propio Manuel Varela, quen non sae na fotografía porque foi el mesmo quen a tirou e quen a gardou no seu arquivo.
Tampouco está Alfonso Daniel, por cuxa casa loita o concello de Rianxo. Xabier Baltar, o herdeiro, resístese a abandonala e a eterna amizade entre ambas as dúas familias é un dos seus argumentos principais. Tamén esta fotografía histórica.
