O portavoz de Educación do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Guillermo Meijón, denunciou hoxe que os datos facilitados pola Xunta revelan que seis de cada dez rapaces galegos perderon o dereito á gratuidade dos libros de texto. Así o di o executivo autonómico en resposta a unha pregunta escrita cos datos concello a concello formulada polo parlamentario socialista.
Meijón lamenta que a decisión do executivo de Feijóo supón unha “regresión no dereito consolidado á gratuidade dos libros de texto” nun sistema que “no momento de aplicarse a todo o tramo do ensino público obrigatorio, será un 25 por cento máis cara” que o modelo posto en marcha polo goberno anterior en pleno proceso de crise económica.
Dixo que o modelo anterior resultaba “razoable e equitativo”, como revela a “ampla satisfacción” amosada pola comunidade educativa. Meijón advirte que esta medida supón un paso máis na escalada de medidas dirixidas dende o PP para “desmantelar e desprestixiar o sistema público educativo” a través do “recorte de dereitos sociais” para todos os galegos e galegas.
O parlamentario socialista advertiu que esta medida forma parte dunha estratexia en contra do sistema público de dereitos artellado polo PP “como poñen de manifesto os impulsos privatizadores da sanidade pública rexistrados dende que Feijóo asumiu a presidencia da Xunta de Galicia”.
Manipular os datos
Guillermo Meijón explicou que, de acordo con estes datos, só catro de cada dez alumnos galegos percibirá a gratuidade total dos libros de texto, e acusou á Xunta de “manipular os datos” ao incluír tamén os rapaces que só percibirán “unha parte” das axudas. Lembrou que co sistema anterior “tódolos rapaces tiñan libros completamente gratuítos” e advertiu que “non toleraremos máis mentiras” do Goberno galego.
Explicou que as cifras son especialmente significativas nas grandes cidades galegas, e así, na Coruña perderon o dereito á gratuidade o 73,7 por cento dos rapaces, en Lugo o 61,5 por cento, en Ourense o 67,1, en Pontevedra o 65,5, en Vigo o 69,4 e en Santiago o 72,3 por cento.
