A cidade de Vigo acolle dende esta mañá a primeira edición do Simposion Internacional Ecolingua que, organizado polo Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA), buscará unha “diagnose sobre a situación lingüística galega” ao tempo que tentará “desmontar con información” a “mentira da imposición” da lingua propia.
Cun programa que inclúe máis de 20 conferencias e mesas redondas, o empresario e membro do PP Rafael Cuíña será o encargado de abrir as intervencións dunhas xornadas que contarán tamén coa presenza de todas as institucións implicadas no futuro do idioma, como a Real Academia Galega, a Secretaría Xeral de Política Lingüística ou o Consello da Cultura. Xunto a elas, confrontarán as súas perspectivas colectivos en defensa do idioma como Queremos Galego ou Prolingua coa asociación contraria á normalización, Galicia Bilingüe.
Segundo explica o presidente do Igea, Anxo Quintana, Ecolingua porá sobre a mesa unha “estratexia de información e sedución” de cara ao idioma, ademais de centrar a súa análise nos diferentes eidos nos que a lingua galega pode correr riscos ou debe avanzar, caso da xustiza ou os medios de comunicación, argumentos que tamén pasarán no día de hoxe polas conferencias que terán lugar no Centro Social Caixanova da cidade olívica.
Ao tempo, Ecolingua tamén porá especial interese en ollar cara a “outros países plurilingües” co obxectivo de, explica Antón Reixa, membro da Directiva do IGEA, amosar que “a existencia de dúas linguas nun territorio non é un problema, senón unha oportunidade”.
Así, os asistentes a Ecolingua terán a posibilidade de escoitar as reflexións de expertos en cuestións lingüísticas procedentes tanto doutros puntos do Estado, como Cataluña, Euskadi ou Madrid, como doutros países Europeos, coma Finlandia, Gales ou Luxemburgo.
CHATS EN XORNAL.COM
Durante os tres días que durarán as xornadas, os lectores de Xornal.com terán a oportunidade de intercambiar impresións con algúns dos relatores de Ecolingua, no espazo Conecta con... do diario dixital.
Ao longo do día de hoxe, os convidados nestes chat serán Rafael Cuíña, entre as 10.15 e as 11.15, e Henrique Monteagudo, que respostará das 12.00 ás 13.00.
