>> O profesor Monteagudo falou nun chat en Xornal.com das súas diverxencias con Carlos Callón, da Mesa pola Normalización Lingüística.
>> ¿É literatura galega a dos galegos que escreben en castelán? O mestre da USC explica a súa postura diante desta cuestión.
>> O segundo dos convidado a CONECTA CON... dubida sobre as posibilidades dun ensino secundario e o universitario privado en galego
Na opinión do doutor en Filoloxía Galega e profesor na Universidade de Santiago de Compostela (USC), Henrique Monteagudo, "o reintegracionismo pode colaborar moi positivamente ao futuro do galego, pero tamén pode dificultalo. Depende das estratexias dos reintegracionistas: se se empeñan en dividir o galeguismo e crear problemas nas relacións co ámbito luso-brasileiro (como ás veces fan) ou traballan en positivo, xunto aos outros sectores, para mellorar esas relacións e para ofrecer alternativas de enriquecemento do galego. Afortunadamente, cada vez se dá máis do segundo e menos do primeiro".
Durante a súa participación en CONECTA CON... o doutor Monteagudo apuntou que a percepción de que a cultura galega depende moito da subvención ven "alimentada por medios de comunicación que viven da subvención, e non teñen gran simpatía pola cultura galega. Na realidade, non está o suficentemente apoiada, e as subvencións se dan ás veces con criterios máis clientalares ca obxectivos", matizou.
Ao respecto do tema da perda de galegofalantes o convidado aos chats de Xornal.com e ponente no Simposio Internacional Ecolingua, organizado polo Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA), manifestou que na actualidade o galego "perde menos falantes ca antes, e mesmo recupera algúns. Unha das razóns máis importantes polas que os galegofalantes se pasan ao castelán é a imposición deste no mercado laboral. Tamén inflúe o emparellamento dalgúns mozos galegofalantes con mozas castelánfalantes (a inversa é menos frecuente)"
Consultado sobre se é pesimista ao respecto do uso do galego comentou cos internautas que está "convencido de que non estamos nun punto de non retorno. Temos os recursos e a clara conciencia de que podemos mellorar o futuro da nosa lingua. Son certas elites sociais e políticas, minoritarias pero moi poderosas, as que non teñen claro iso, e poñen todos os atrancos imaxinables".
O doutor en Filoloxía Galega sinalou no chat cos internautas de Xornal.com que non concorda coa idea de fracaso que as veces se ten ao respecto da situación de uso e prestixio do galego. "Os avances poden parecer insuficientes, os fallos poden parecer decepcionantes, pero coido que globalmente non se pode falar de fracaso. Sen dúbida, unha política lingüística máis eficaz e mellor pensada, destinada a animar e apoiar a mobilización do conxunto da sociedade, podería ter dado uns mellores resultados", destacou.
Monteagudo non ten dúbidas ao respecto de que "a literatura galega é a que escribe en galego, pero iso non significa que os galegos que escriban en castelán ou noutras linguas deixen por iso de ser galegos".
DIFERENZAS CON CALLÓN
Un dos lectores, Héctor, consultou a Henrique Monteagudo polas súas "diferencias con Carlos Callón". O profesor explicou que o representante da Mesa foi alumno seu e advertiu que mantén con el relacións "moi cordiais". Eso non quita para que considere que Callón "ten unha visión da evolución do galego que a min me parece algo pesimista. El cre que o importante é chamar a atención da opinión pública sobre os aspectos máis negativos, para avivar a consciencia cidadá. Eu penso que iso hai que matizalo, pois se damos unha mensaxe excesivamente negativa, podemos convidar (sen pretendelo) ao desánimo".
A posibilidad de que Galicia conte cun ensino privado no que prevaleza o galego sobre o castelán, tanto en secundaria como ámbito universitario é unha idea que hai tempo que lle anda na cabeza deste filólogo, que admitiu en CONECTA CON... que non remata de "telo claro. Véxoo máis claro en pre escolar e en primaria, non tanto no secundario e o universitario. Confeso as miñas dúbidas", admitiu.
MIRA AQUÍ TODO O CONTIDO DE CONECTA CON... HENRIQUE MONTEAGUDO

