>> A estrea do espazo Conecta con..., no que os internautas póñense no papel de entrevistadores, foi da man do empresario Rafael Cuiña, un símbolo da loita pola protección da lingua galega.
>> Neste chat respondeu a preguntas como a seguinte: "De ser catalán, estaría no PP ou en CiU?".
>> Acceda ao contido íntegro da conversa en Conecta con... Rafael Cuiña.
Rafael Cuiña é militante do PP, pero ten posturas críticas respecto a algúns sectores da súa propia formación no tema da lingua. O seu compromiso fíxose patente coa súa participación nas dúas multitudinarias marchas a prol do galego que tiveron lugar este ano, así como na súa activa pertenza á asociación Prolingua. De feito nesta conversa on line, cos lectores de Xornal.com, amosouse triste pola "marxinalidade" do galeguismo no PP actual. Rafael Cuiña augúralle un "mal futuro político" a quen desprece a lingua galega "o que o pretenda non coñece á sociedade galega", dixo.
Segundo explicou na conversa mantida en Conecta con... cos internautas de Xornal.com, o empresario está certo de que é posible defender o galego estando no Partido Popular de Feijóo: "Estouno a facer", dixo con rotundidade. Cuiña sostén ademais que "o respecto da dirección do PPdeG polo meu posicionamento é absoluto".
O empresario deixou claro que non ten pensado "entrar na política de corte institucional" e consultado pola súa definición ideolóxica admite que é "nacionalista, mais non independentista, digamos que estou máis achegado a Risco que a Bóveda". Diante da pregunta: "Onde militaría se fose catalán ¿no PP o en CiU?". Admitiu que: "En CIU, non podo ser máis claro, outra cousa é se preguntase por un PPdeG galeguista sen ambigüidades".
Consultado por se é posible artellar unha sociedade civil galega con participación de xente de todas as tendencias políticas? Rafael Cuiña dixo: "É desexable, posible e necesario".
UN "REGALEGUIZADO" QUE VE O FUTURO DA LINGUA "PREOCUPANTE".
No relato da súa historia lingüística, Rafael Cuiña, considérase "regaleguizado. Falei castelán e agora falo galego e castelán según o momento. Do que si estou orgulloso é de estar nunha terra con idioma propio". Considera que o futuro do galego é, arestora,"certamente preocupante".
O empresario da comarca do Deza asegura que no rural "a lingua está máis que dignificada. É precisamente nese medio onde a xente pensa menos en estupideces sobre imposicións non existentes".

