“Empregue as vacacións de Nadal para reflexionar sobre a situación do galego”. É a mensaxe que a plataforma Queremos Galego tratará de facer chegar de maneira masiva á caixa de correos do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, durante as vindeiras festas natalicias.
Despois de que o xefe do Executivo galego declinase manter unha xuntanza co colectivo que o pasado 18 de outubro reuniu en Compostela a máis de 50.000 persoas para rexeitar “retrocesos” na protección da lingua propia, as entorno a 600 entidades agrupadas en Queremos Galego iniciaron onte o envío de postais de Nadal para achegarlle ao xefe do Executivo “os desexos da inmensa maioría do pobo galego” para a lingua no ano 2010.
No primeiro envío simbólico de postais, celebrado na oficina de Correos do complexo de San Caetano, un dos voceiros da plataforma, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, mostrouse convencido de que esta campaña será quen de reflectir a “inmensa marea social en defensa do idioma de todos”, un movemento que, di, Feijóo debe “cando menos, escoitar”, antes de iniciar modificacións lexislativas.
Neste sentido, Callón lamenta que “aínda non se coñeza nin a primeira medida” do novo Goberno “para garantir os nosos dereitos lingüísticos ou a plena normalidade do galego. Do mesmo xeito, subliña que, mentres que o presidente “dixo no discurso de investidura que gobernaría para todos”, ven como “en materia de lingua está a gobernar ao ditado dos intereses dunha minoría” algo que, teme, fique reflectido no decreto que susbtituirá á actual normativa de uso do galego nas aulas, un documento que, salienta, foi apoiado “polo 90% da comunidade escolar” de Galicia.
GALICIA BILINGÜE
Mentres Queremos Galego envía postais a Feijóo e, ao tempo, inicicia a distribución de adhesivos para automóbiles e b andeirolas en defensa da lingua por todo o país, o colectivo contrario á normalización da lingua galega, Galicia Bilingue, vén de distribuír entre os seus asociados unha particular “carta aos reis magos” coas súas reivindicacións.
A través dunha presentación electrónica ilustrada co debuxo dos Reis Magos xunto á mascota do colectivo, e á que tivo acceso este diario, o colectivo dirixido por Gloria Lago gábase de, por exemplo, ter introducido as súas proclamas no “debate electoral” e pídelle a eses peculiares reis “que lle lembren a Feijóo o valor da palabra dada”.

