Apenas tres días despois de iniciar a recolleita de avais para formalizar a súa candidatura á presidencia do PP de Ourense, José Manuel Baltar Blanco, vicepresidente do Parlamento e fillo do actual líder dos conservadores ourensáns, José Luis Baltar, logrou 2.805 apoios que o convirten, oficialmente, en candidato.
Despois de entregar os seus avais aos responsables da comisión organizadora do Congreso, Baltar Blanco agradeceu o “histórico caudal de confianza” –o número de avais necesario para formalizar unha candidatura é 75– que, di, dá conta dun “movemento popular ourensán sen precedentes” de cara ao cónclave.
Ao tempo, o xa candidato animou publicamente ao alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, a dar “un paso adiante” e configurar unha lista alternativa nun contexto no que, di, “o animan a presentarse e el dubida” facelo. “O partido –conclúe Baltar Blanco– enriquécese con máis candidaturas, así que se hai tres, mellor ca dúas”.
BALANCE DE GOBERNO
Na mesma xornada en que Baltar Blanco confirmaba a súa candidatura, o comité de seguemento do programa electoral do PPdeG celebraba a súa primeira xuntanza, logo da cal o voceiro da formación, Antonio Rodríguez Miranda, mostrou a súa “satisfacción” porque, di, “o goberno dez” de Alberto Núñez Feijóo xa cumpriu “o 20% do seu programa electoral”.

