Anxo Lorenzo, secretario xeral de Política Lingüística, coñeceu onte de primeira man as principais críticas aos seus primeiros meses de traballo á fronte do departamento da Xunta de Galicia, na segunda xornada do I Simposio Internacional Ecolingua, que se desenvolve dende o pasado xoves no Centro Social Caixanova de Vigo organizado polo Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).
Sobre as liñas do novo decreto da lingua, anunciado o pasado xoves polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, versaron gran parte das opinións, que foron moitas, e as críticas, moitas máis, dos participantes no coloquio e o público asistente. Lorenzo apenas avanzou sobre o xa coñecido polo gran maioría dos galegos e reiterou a intención de que “exista un coñecemento idéntico de galego e castelán” e de que “se teñan en conta todos os proxectos”.
O moderador Antón Reixa reuniu na mesa do auditorio vigués o citado Lorenzo xunto cos profesores Henrique Monteagudo (doutor en Filoloxía Galega da Universidade de Santiago), Manuel González (secretario da Real Academia Galega) e Iolanda Veloso (concelleira de Normalización Lingüística de Vigo) e o debate non defraudou.
Monteagudo non perdeu a ocasión para recordarlle ao secretario xeral que “este goberno dá sinais de que non está a construír un camiño de consenso” mentres que dende o público houbo quen lle pediu que exercese como “condutor do vehículo”. Entre os asistentes encontrábanse o propio presidente do IGEA, Anxo Quintana, e a ex secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán, pero as principais críticas chegaron por parte de expertos en normalización lingüística, como o profesor Henrique Costas (Universidade de Vigo) e Marta Souto (ex responsable de Normalización Lingüística do Concello de Vigo ). A lei da función pública abriu a caixa dos tronos, posto que as imposicións de excluír o galego á hora da contratación foron negadas unha e outra vez por Anxo Lorenzo. Tamén houbo tempo para que un membro da plataforma Queremos Galego lle preguntase ao secretario xeral: “Por que Feijóo se reúne con Galicia Bilingüe e non o fai con nós?”, ao que respondeu: “Reitero o ofrecemento que xa fixen só dous días despois de recibir a vosa solicitude, outra cousa é que dubido que queirades reunirvos comigo”.
As voces a favor dun “pacto nacional de consenso” tamén se deixaron escoitar no Centro Social Caixanova durante un debate no que Lorenzo veuse acurralado polas críticas e mostrou un rostro agoniado.
Galicia Bilingüe
O simposio pecharase hoxe ao mediodía cun debate ao que está invitada a plataforma Galicia Bilingüe. O presidente de IGEA, Anxo Quintana, será o encargado da clausura destas xornadas sobre lingua celebradas no Centro Social Caixanova.
