"Estou defraudado porque Anxo fala coma "eles", fala de imposición, fala do "noso goberno"... Sinto unha mágoa inmensa de que o estean utilizando para degradar o galego", confesa o director da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo.
A figura de Anxo Lorenzo, secretario general de Política Lingüística, está a ser criticada. Henrique Costas, actual director da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, presentanse dous escearios posibles: "Se enganou ou o enganaron". Segundo explicou na súa intervención en Conecta con... "cando o nomearon eu celebrei o seu nomeamento e feliciteino, aínda sen entender nada. Era a primeira vez na democracia que iamos ter un bo especialista como SXPL. Agora estou totalmente defraudado porque Anxo fala coma "eles", fala de imposición, fala do "noso goberno"... eu sinto unha mágoa inmensa de que o estean utilizando para degradar o galego, dóeme porque o teño en estima persoal e en recoñecemento profesional. Dóeme moito, de veras", asevera con rotundidade.
Consultado pola raíz viguesa de Galicia Bilingüe (GB) Costas conta no seu chat cos lectores de Xornal.com que esta agrupación "nace en Vigo como AGLI naceu na Coruña. Son as cidades galegas onde máis abunda o elemento neopijo. O de GB non ten nada que ver coa liberdade lingüística, ten que ver co pijerío amolado porque o galego poida chegar a ser normal en Galicia". Segundo apunta o director da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo GB fixo "unha campaña bárbara (en todos os sentidos do adxectivo) e arrasaron nas portas dos colexios enganando á xente "quieren quitar el castellano de las escuelas", "quieren hacer burros a nuestros hijos" etc. Segundo expón Costas, "a Xunta bipartita non soubo ou non quixo explicar o Decreto 124/2007, foi un fallo terrible que deixou o campo libre para as manobras de GB, amplificadas por moitos medios de comunicación "gallegos" e madrileños. Foi unha desfeita absoluta e o bipartito quedou parado sen reaccionar. En Vigo, moita xente de boa fe empezou a falar de "imposición" aínda recoñecendo que os seus fillos só tiñan dúas materias en galego. Inconcibible pero certo. Vai custar moito tempo e pedagoxía rebater tanta mentira e tanto odio sementado", afirma.
O DECRETO DO GALEGO: UNHA DESFEITA E UNHA BEIZÓN
Un dos internautas, Daniel, preguntou sobre o novo decreto do galego, en concreto sobre cales serían os efectos dun retroceso a respecto do actual? Costas apuntou neste asunto que agarda "por un lado unha desfeita e por outro lado unha beizón. A desfeita xa sabemos por onde vén (Galiñolas, Lei da Función Pública, Decreto de Infantil, Decreto novo, rebaixa brutal nos orzamentos...). A beizón é que por fin a xente empeza a reaccionar (...) Deixamos a lingua nas mans dunhas autoridades que non crían nela. Relaxámonos en exceso. A xente empeza a se decatar de que estes veñen a asasinar o noso idioma con todo o descaro do mundo, e non creo que, mesmo os galegos que falan castelán por inercia, llelo consintan", advirte.
Henrique Costas defende qua a mellor maneira de axudar ao galego "é falalo sempre sempre sempre, ante calquera e en calquera situación. Quen di que non entende quere dicir sibilinamente "no me da la gana de entenderlo y hábleme usted en cristiano". E xa estamos fartos de ceder. Acabouse", sentenza.
Defende Henrique Costas que a Real Academia Galega (RAG) "non está achantando", o que si explica é que "non pode ser a Mesa. Ten unha misión científica e institucional clara, non abertamente política".
NON MERECEMOS ESTAS AUTORIDADES CULTURAIS
Doutor en Filoloxía Galega Henrique Costas critica as actuais autoridades culturais: "valoran máis o alleo có noso porque se avergoñan", sostén. "Temos un sistema cultural que para nós ten que ser o mellor do mundo, e para o mundo ten que ser unha riqueza imprescindible. En moitos eidos da cultura empezabamos a ser unha micropotencia (empezabamos, agora parece que hai parón), agás no mundo musical e no audiovisual, onde aínda estamos dándonos a coñecer. Temos a cultura que merecemos, pero non merecemos estas autoridades culturais, así de claro", dixo na súa conversa on line en Xornal.com.
REINTEGRACIONISMO
Ao respecto da convivencia de linguas, Henrique Costas declarou que a súa "opción persoal é oficialidade do galego e plurilingüismo social. Aposto pola oficialidade do noso idioma como única vía da súa revitalización plena, o que non quere dicir que o castelán vaia ser "gaseado", sinala. Sobre adoptar unha estratexia reintegracionsita, Henrique Costas manifesta que non considera que sexa "o momento, que estamos nun intre de perigo absoluto e non nos convén nadiña andar con encerellos normativos. Non podemos andar a discutir como imos comer a sardiña, se asada, frixida, escabechada ou grellada, se aínda non temos a sardiña na man".
No seu texto de despedida, Costas lanzou unha mensaxe de optimismo e de loita activa aprol do idioma. "Cada un de nós é un baluarte do noso idioma e todos somos necesarios para o futuro do noso pais. Non cedamos na lingua nunca máis, aínda que pasemos por algunha situación desagradable. Os inimigos do noso non van ceder. Nós tampouco, e ademais nós somos máis, estamos na nosa terra, non mentimos e temos a razón e o corazón do noso lado".