Caixanova inclúe máis de 70 actividades de diferentes disciplinas artísticas na programación cultural que desenvolverá durante o primeiro semestre de 2010, que conta coa colaboración da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo.
Entre os eventos máis destacados atópanse as exposicións dedicadas a Luis Seoane e a parellas formadas por grandes artistas da historia; a representación de Glengarry Glen Ross, de David Mamet, e de La vida por delante, dirixida por Josep María Pou; as actuacións de Lovely Luna, Los Secretos, Mercedes Peón ou Niño y Pistola; a música da Royal Philarmonic Orchestra ou a escenografía do Ballet de Milán.
Nas mostras, ademais de conmemorarse o centenario do nacemento de Luis Seoane cunha retrospectiva, ofrecerase unha viaxe polas obras xurdidas das relacións amorosas ou de parentesco de artistas como Rodin, Modigliani, Manet, Pisarro ou Picasso. Ademais, baixo o título Telón de Fondo presentarase unha montaxe de fotografías familiares en estudios na primeira metade do século XX. Por último, destaca a exposición La ciudad del infinitivo, promovida pola Fundación Vicente Ferrer, nun percorrido por India.
A oferta teatral correrá a cargo de autores reputados como o mencionado David Mamet, a obra da cal reunirá sobre o escenario a actores como Gonzalo de Castro, Jorge Bosch, Ginés García Millán ou Carlos Hipólito. Así mesmo, porán en escena El pisito de Rafael Azcona ou Ser o non ser, que Lubitsch levou á gran pantalla. Igualmente, Concha Velasco encabezará a representación dirixida polo recoñecido Josep María Pou, mentres que Toni Cantó liderará a repartición do Pez Gordo. Con eles, destaca a homenaxe que se realizará a Eduardo Blanco Amor e A esmorga, que cumpre 50 anos dende a súa publicación.
A música tamén correrá a cargo de artistas de estilos variados como Joan Baez, Manuel Carrasco, Martirio, Dulce Pontes, Win Mertes Ensemble ou Susana Seivane. Xunto a eles, un elenco de grupos pop como Manos de Topo, Sugar Mountain ou Nadadora formarán parte do ciclo de concertos Cancións por regalos, ao que poderá acceder todo aquel que entregue un presente para un neno coa ONG Vida Digna.
O humor terá o seu espazo da man de La noches de Paramount Comedy, as Noites de retranca de Javier Veiga, Manuel Manquiña e Sergio Pazos, a obra Piedras en los bolsillos con Fernando Tejero e os monólogos de Miguel Lago.
En artes escénicas destaca tamén o ballet clásico de Romeo y Julieta, representado polo Ballet de Milán, ademais dunha ampla oferta en recitais de música clásica.
