O Catálogo Galego de Árbores Senlleiras de Galicia acollerá nun futuro próximo 60 novos exemplares especiais, o que permitirá protexelos con programas de mantemento e dalos a coñecer máis aló do lugar no que se atopan. No entanto, son moitas máis as formacións naturais singulares que aínda non contan con ningún tipo de atención por parte da administración autonómica.
Tal e como publicou Xornal de Galicia hai uns meses, segundo un estudo da Universidade de Santiago (USC) que se deu a coñecer o pasado verán case o 90% das árbores que os expertos catalogan como senlleiras non están atendidas debidamente.
No último proceso de solicitudes de inclusión neste inventario –para o que a Dirección Xeral de Conservación da Natureza, dependente da Consellería de Medio Rural, prepara unha pequena ampliación– recibíronse 443 peticións de particulares e colectivos como asociacións e concellos. Tras valoralas, os representantes do comité de selección só consideraron dignas de catalogación unhas 60 árbores. Outras poderían ser aceptadas nun futuro se os seus defensores son quen de achegar información histórica ou cultural das propostas, se ben tamén hai que pasar exhaustivos exames nos que se controla a altura, a idade ou o diámetro.
Aínda que polo momento o catálogo só recolle 120 elementos naturais, en breve serán 180. Pontevedra é a provincia que máis aportará, con 23 árbores. Ourense contará con 19, Lugo con 16 e A Coruña con 7. Porén, segundo a USC, aínda quedan unhas 880 árbores e formacións, como as carballeiras, sen incluír neste rexistro oficial da Xunta. Por iso, algúns dos tesouros vexetais da comunidade aínda non dispoñen das atencións que supón estar incluído no catálogo.
A pertenza ao arquivo galego supón a entrada da árbore nun programa especial de mantemento no que se fan estudos individualizados sobre o estado de conservación, se acometen podas sanitarias e contrólanse as pragas de fungos, entre outros coidados.
Neste senso, dende a consellería xustificaron o rexeitamento doutras árbores no programa de protección polo seu “carácter local”. Así, insistiron en que poderían incluirse noutros sistemas de mantemento como os catálogos municipais de árbores senlleiras ou os plans de ordenamento municipal.
MADRID OPTA POLA CLONACIÓN
Mentres en Galicia se complica a entrada na clasificación oficial, en Madrid un grupo de científicos tenta preservar e reproducir o legado xenético das árbores senlleiras da comunidade. O Instituto Madrileño de Investigación y Desarrollo Agrario (IMIDRA) clonará por embrioxénesis somática olmos e alcornoques que forman parte dun catálogo formado por case 200 exemplares especiais pola súa idade, morfoloxía ou historia.
