Iberdrola ofreceu hai dous meses unha posible solución a Deputación de Lugo para construír un novo embarcadoiro e evitar os prexuízos derivados da imposibilidade navegar polo Sil polo rebaixe do caudal en 30 metros o próximo ano. O novo peirao localizaríase, segundo a vicepresidenta, María Xosé Vega, no lugar de Chancís, no concello de Sober. A proposta non reúne os requisitos porque segundo a propia Vega “deixaría igualmente abandonada a zona de Doade, en Monforte, e causaría graves prexuízos aos hostaleiros e aos distintos negocios xa instalados”.
Tal como apuntou a responsable do organismo provincial “a zona está máis baixa e sitúase nun lugar escarpado o que impediría ver a paisaxe en todo o seu esplendor para trocalo por rochas e penedos”. Aos problemas da nova localización súmanse “a dúbida sobre cantas persoas irían ata alí e que oferta se pode facer nunha zona non habilitada”. A opción de Chancís, conta co apoio do concello de Sober, que xa construíu preto dese lugar un embarcadoiro co mesmo nome, pero con moitas dificultades de acceso.
A vicepresidenta da Deputación propón como alternativa una oferta de ocio para as persoas que non poidan coller o catamarán. Despois do Nadal reunirase con responsables da Deputación de Ourense para “tratar de preparar unha programación conxunta porque nos cremos que a eles tamén lles afecta esta falta de navegabilidade do Sil”. Vega agradeceu a disponibilidade dos seus homólogos ourensáns e agradeceu a súa comprensión.
A institución provincial lucense presentará como novidade para o ano próximo na Ribeira Sacra a Ruta do Viño para dar a coñecer máis posibilidades deste destino turístico. Ademais construirase con fondos propios un novo embarcadoiro nos Peares, o pobo do presidente da Xunta, na confluencia do Miño e o Sil. Do mesmo xeito comezará a funcionar un novo catamarán ecolóxico para completar a oferta dos cinco xa existentes.
María Xosé Vega deu a coñecer todos estes datos na presentación dos resultados de xestión en turismo no último ano. Tal como publicou Xornal de Galicia, a provincia de Lugo foi a que máis medrou como destino de turismo rural, un 13% máis ca o ano pasado, situándose moi por riba do resto das provincias galegas.
Vega confirmou que a liña de actuación no vindeiro ano será a da continuidade “aproveitando a celebración do Xacobeo e aumentando a presenza en cidades de Castela e León e Portugal”. Reclamou un esforzo “de todas las administracións e axentes para elaborar un plan integral para o conxunto da Ribeira Sacra e mostrouse partidaria de non presentar este ano a candidatura para conseguir a Declaración de Patrimonio da Humanidade porque todo vai estar cheo de camións e palas que darían ao traste coa proposta”.
Como exemplo de falta de coordinación a vicepresidenta lucense explicou que foi ela mesma a que informou a secretaria xeral de Turismo, Carmen Pardo, e a delegada da Xunta en Lugo,Raquel Arias, das obras de Iberdrola no Sil.
